07:41 h. viernes, 19 de abril de 2024

O Castro protagonista do 41º Gran Premio Cidade de Vigo de ciclismo

Marco Oubiña | @MarcoOubina  |  02 de septiembre de 2014 (11:51 h.)

María Jesús Barros proclamouse gañadora na categoría feminina e o padronés Luís Mariño impuxo a súa superioridade desde o comezo da proba. A competición desenvolveuse con polémica tras a suspensión das probas do sábado por “dificultades organizativas”. 

A cuadraxésima primeira edición do Gran Premio Cidade de Vigo de ciclismo, desenvolveuse a pasada fin de semana con polémica. O 28 de agosto o Alcalde, Abel Caballero, acompañado polo concelleiro de deportes, Manel Fernández e Carlos Vidal, presidente do  clube anfitrión C.C. Vigués-Autronic, presentaban o programa do premio incluíndo unha grande variedade de probas con máis de 190 ciclistas para o sábado 30, e unha dupla proba no monte do Castro para o domingo. 

Porén, un día antes do inicio da competición os organizadores informaban da suspensión das probas programadas para o  sábado alegando “dificultades xurdidas nas últimas horas”. Nin Concello nin o clube anfitrión  especificaron cales eran esas dificultades que deixaron o díptico ciclista coa metade de actividades das anunciadas.

Luis Mariño vence na Élite-Sub23 masculina

Luís Mariño, o Froiz, foi o gañador do 41 Gran Premio Cidade de Vigo. O de Padrón impuxo a súa superioridade dende o comezo da carreira de fondo, cunha escapada en solitario na terceira volta ante un esixente circuíto do Castro cando aínda restaban 15 voltas para a finalización da proba. Tamén ficou en segundo lugar na contra-reloxo de 3,5 km que partir da Porta do Sol. Luís Mariño sumou 27 puntos en total. 

A segunda posición na xeral final, con 22 puntos, foi tamén para o equipo Froiz, concretamente para Aser Estévez, que bateu o récord na escalada, con 5'58''. O excampión de estatal de contrarreloxo sub23, cunha sensacional ascensión, superou en catro segundos o tempo establecido polo abulense Ángel Vallejo na pasada edición. O asturiano Jonathan González, gañador na pasada edición, desta volta ocupou o terceiro chazo do podio.

María Jesús Barros marca a diferenza na categoría feminina

Na categoría feminina o mellor tempo foi para María Jesús Barros do C. C. Spol-Porriño, cun rexistro de 8´06´´; seguida de Paula Sanmartín do Autronic-C. C. Vigués, con 8´41´´; e de Andrea Tomé do Cambre-Caeiro, con 8´50´´. Elas foron tamén  as gañadoras da clasificación Xeral, dentro das categorías élite, júnior e cadete, respectivamente.

O podio élite feminino o integrou María Jesús Barros do Spol-Porriño, Lorena Sanín do Cambre – Caeiro e Belén Lemat do C. C. Corbelo. Na categoría juniors feminina, subiron ao caixón máis alto Paula Sanmartín e Irene Serrat ambas do C. C. Vigués-Autronic e na categoría cadetes Andrea Tomé do C. C. Cambre – Caeiro, Zaida González do Rosal – Hnos. Ozores e Redosinda Ferández do equipo Cidade de Lugo. 

Eduardo Pérez-Landa destaca entre os cadetes

A vitoria en cadetes masculino viaxou até Asturias, da man de Eduardo Pérez-Landa do Construcciones Paulino, tras impor un tempo de 6´30´´ na crono-escalada, ademais acadou o terceiro posto na proba de fondo. A vitoria desta segunda manda deu o segundo posto da xeral a  José Roberto Chas, do C. C. Cambre – Caeiro. Mentres Daniel Rodríguez  do E. C. Redondela ocupaba o terceiro escalon.