20:53 h. martes, 23 de abril de 2024

COMO VIVIU A AFECCIÓN CELESTE O PARTIDO

Voces da Córdoba celeste

Silvia B.P. | @SilviaBP10  |  01 de septiembre de 2014 (10:00 h.)
20140830_184034

Tres celtistas partillan con VIGO dixital a súa experienza durante o primeiro partido que o Celta xogou fóra da casa.

 

"Aqueles que eran vistos bailando eran considerados tolos polo que non podían escoitar a música"
Friedich Nietzsche

A afección celeste baila ao son dunha música que só escoita quen comparte a súa paixón. Por moito que os xordos digan que están tolos e tolas, elas nunca deixarán de bailar. Para o entender hai que sentir a melodía que, noventa e un anos despois, impulsa aos corazóns celestes a alentar aos seus en Balaídos e lonxe da casa.

Por terra e por aire, as siareiras e siareiros do conxunto olívico desprazáronse a Córdoba para acompañar aos guerreiros de Berizzo na primeira batalla lonxe da terra. Temperaturas de 40° e miles de quilómetros para unha das afeccións máis fieis aos seus e a que máis distancia percorre para acompañar ao seu equipo.

A continuación, tres celtistas partillan con VIGO dixital a súa experienza en "Córdoba Celeste". Presten atención e sintan esa música tan marabillosa.

 

Samu Rivas | @SamuCelta | Preferencia Celeste.

"O que empezou como unha broma, terminou por converterse en realidade. Sen case darnos conta, aparecemos en Córdoba para ver ao Celta. Pouco que comentar dun partido do que xa víchedes mil resumes, pero imposíbel esquecerme de mencionar a afección do Córdoba. Dende pedir fotos e intercambiar bufandas, até terminar cantando o mesmo no estadio, alentando a ambos os dous equipos. Como dicían alá por Pucela "el año que viene, a Córdoba otra vez".

 

Xorxe Paz | @xorxepaz | Siareiros.

"Unha tarde de agosto en Córdoba non é o momento máis idóneo para disputar un partido de fútbol. Pero a cidade dos Califas levaba 42 anos esperando para ver un partido de Primeira División. Non se encheu porque moitos cordobeses aínda estaban na praia e outros queixábanse dos prezos. Moi caros, certamente.

En fronte, tiñan un Celta, que arroupado por 40 ilusionados celtistas, demostrou unha enorme superioridade técnica e física na primeira parte. O difícil era abrir o marcador. Conseguiuno Orellana, pero nese momento o Celta viuse abaixo. O equipo tivo 15 minutos que puideron custar aínda máis caro. O mellor do partido: o bo trato recibido na cidade, os eloxios cara o Celta e os aplausos recíprocos entre afeccións ao finalizar o encontro. Córdoba é o destino ideal para combinar turismo con fútbol."

 

Berto Villamarín | @bertovt77 | Comando Celta. 

"Marcho de Córdoba gratamente sorprendido polo trato que nos dispensou a afección cordobesista. Dende antes do comezo do partido recibimos moito cariño e moi bo trato. Co encontro xa rematado multiplicouse ese agarimo, con cánticos unidos entre as afeccións e moitos eloxıos ao xogo do noso equipo. Moi contento tamén por poder asistir a un partido histórico (o Córdoba levaba 40 anos sen xogar en primeira).

En canto ao partido, o Celta empezou moi forte pero rematou minguado polas condicións climatolóxicas tan duras (até 40° vin eu rexistrados nun termómetro na rúa). Polo demais, a pesar da calor, aproveitamos para facer un pouco de turismo nunha fermosa cidade."


Próximo desprazamento "Calderón Celeste". A música seguirá sonando.