00:10 h. viernes, 19 de abril de 2024

ANÁLISE

Unha cidade en concurso de acredores

Redacción | @VigoDixital  |  01 de septiembre de 2014 (10:00 h.)

A quebra de grandes corporacións e o alto índice de mortalidade de empresas xera incertezas sobre o futuro da economía viguesa.

O regueiro de empresas con problemas económicos continúa. Se 2012 e 2013 marcaron récords negativos de sociedades viguesas en concurso de acredores, con expedientes de regulación de emprego ou vendidas a inversores estranxeiros, o presente curso segue a mesma liña. 

Cada catro días unha empresa viguesa declárase en quebra

O primeiro trimestre do ano comezou con 35 demandas de concurso, a maior cifra no último lustro, o que supón unha empresa en quebra cada catro días. Suman máis de 500 as sociedades que botaron o peche dende 2009, a maioría porque non conseguiron un acordo cos seus acredores e acabaron, por tanto, abocadas á liquidación. Máis do 90% non supera o concurso.

A construción e o naval encabezaron as caídas máis fortes, que agora afectan a outros importantes sectores estratéxicos. A actividade económica non se recuperou das fortes sacudidas do pasado ano, cando grupos emblemáticos como Pescanova, Freiremar ou Pórtico declararon a quebra, deixando sen emprego a centos de traballadores.

As grandes empresas da cidade -que encabezaban hai cinco anos o informe Ardán, a radiografía do sector empresarial e industrial galego- arrastraron ademais ao tecido auxiliar e das PEMEs, xa danado polos efectos prolongados da crise, onde se rexistraron a maioría dos peches. 

Outros como Hijos J.Barreras, Vieira ou Pilotes Posada conseguiron sortear a liquidación, pero perderon a súa posición punteira no mercado. No caso do centenario estaleiro, tamén perdeu a parte maioritaria do capital, agora en mans da paraestatal mexicana Pemex, apropiándose do 'know how' das gradas viguesas. 

Por sectores

O sector naval segue sen saír a flote a pesar das promesas políticas da Xunta e a resolución do ‘tax lease’ en xaneiro de 2013. Os estaleiros vigueses non conseguiron aínda ningún pedido mediante o novo sistema. As sociedades que resistiron a tormenta, como Metalships, Cardama, Freire ou Armón, sobreviven grazas a reparacións ou pequenas embarcacións. Factorías Vulcano continúa inactivo logo de tres anos e en perigo de extinción, mentres Barreras volveu ao traballo con dous pedidos de Pemex, mais sen concretar o seu futuro. Segundo a CIG, máis de 10.000 vigueses perderon o seu emprego no sector.

No naval máis de 10.000 vigueses e viguesas perderan o seu emprego

O motor industrial da cidade, a factoría de PSA-Citroen, caeu no primeiro semestre de ano un 6,5% na súa produción respecto a 2013. A perda de velocidade da compañía francesa afecta directamente a rede de máis de 100 empresas auxiliares da cidade. As previsións para o que resta de ano son negativas, polo que a nova dirección da fábrica anunciou que suprimirá máis de 200 postos de traballo.

Construción, naval, pesca, sector financeiro e PEMEs afrontan dificultades

No pesqueiro, o caso Pescanova dominou os titulares. A empresa da familia Sousa saíu do concurso de acredores un ano despois de destaparse un dos maiores escándalos financeiros da economía galega. Durante este tempo, as investigacións destaparon unha obra de enxeñería contable que ocultaba débedas superiores aos 3.600 millóns de euros e un buraco patrimonial de 2.200 millóns. A cúpula está hoxe investigada por estafa e a compañía líder de conxelados pasou a control do G-7, os sete bancos implicados nas operacións. 

Tampouco o sector financeiro, intimamente ligado ás grandes quebras de empresas viguesas, librou deste cenario oscuro. Caixanova, logo chamada Novagalicia e hoxe Abanca, foi vendida polo FROB, logo de rescatala con cartos públicos, á entidade venezolana Banesco. Unha operación na que o Estado perdeu 8.550 millóns de euros e onde a cidade perdeu a súa caixa de aforros.