00:16 h. viernes, 19 de abril de 2024

SEGUNDO ANO CONSECUTIVO CON ATRASO

Alertan de que o 'cheque social' do Concello non se resolverá en prazo

Redacción | @VigoDixital  |  07 de septiembre de 2014 (10:00 h.)
Rolda de prensa no Concello presentando o cheque social [Imaxe: ODS]

A ODS denuncia que o atraso na tramitación municipal prolongará a agarda para alén do 17 de setembro, data tope fixada nas bases. 

O atraso na tramitación das axudas incluídas no "Programa municipal de axudas extraordinarias a familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación" poderían provocar que estas non se resolvan en prazo.

As bases do coñecido como "cheque social" creado polo Concello estabelecen como data tope o vindeiro 17 de setembro, cando se cumpren tres meses da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Así o vén de alertar a Oficina de Dereitos Sociais de Coia (ODS). Ao colapso no que fican sumidos os servizos de atención social do Concello, o colectivo engade que nas últimas semanas se están a producir "numerosas peticións de documentación adicional" ás persoas que solicitaron seren beneficiarias do programa. Para a ODS con esta situación a administración local pretendería "gañar tempo e introducir novos atrancos" que desanimen novas solicitudes.

De se confirmar a dilatación na resolución, sería xa o segundo ano consecutivo que unhas axudas destinadas a situacións de emerxencia social se tramitan con retraso e contra o final do ano.