00:14 h. Lúns, 21 de Agosto de 2017

Vigo Dixital

EMERXENCIA SOCIAL

A Asemblea de Movementos Sociais convoca unha manifestación contra o colapso das axudas de emerxencia

Exixen a Concello e Xunta o reforzo dos servizos sociais e axilización das axudas. A mobilización terá lugar este sábado 27 e sairá ás 12h desde a Praza dos Cabalos.

Redacción | @VigoDixital  |  25 de Septembro de 2014 (09:17 h.)
Máis accións:

Instante da performance de denuncia do peche de Sereos [Imaxe: Roberto Solano]
Instante da performance de denuncia do peche de Sereos [Imaxe: Roberto Solano]


Diante do colapso dos servizos sociais municipais e dos atrasos na tramitación de axudas por parte da Xunta de Galiza, que teñen a milleiros de familias agardando no limiar da exclusión social, a Asemblea de Movementos Sociais convoca para este sábado 27 unha manifestación cidadá que partirá ás 12:00h da mañá desde a Praza dos Cabalos para concluír na Praza da Estrela, ao carón do edificio administrativo da Xunta. 

As reivindicacións desta convocatoria veñen recollidas nun breve manifesto, no que formulan nove exixencias concretas ao Concello e outras seis á Xunta, relativas ao reforzo da asistencia social, a axilización das axudas, a reapertura do servizo Sereos, a fin dos despexos hipotecarios e a aplicación da Lei de Dependencia.

Critican as políticas sociais "miserábeis e ineficaces" de Concello e Xunta

Medidas que reclaman diante das "políticas sociais absolutamente miserábeis e ineficaces, tanto no seu deseño como na aplicación e con orzamentos insuficientes" de Concello e Xunta, que non serven para dar resposta fronte a "realidade de terríbel inxustiza social que está a padecer a cidadanía", denuncian. Neste sentido lembran que en Vigo hai 700 familias en situación de extrema pobreza son máis de 3.000 as que fican á espera de axudas para alimentos ou aluguer. 

A convocatoria, que promoven baixo o lema "Pan, Teito e Traballo. Contra o colapso das axudas sociais de emerxencia", será presentada esta mañá nunha rolda de prensa. Nela participarán representantes das diversas organizacións que fan parte da Asemblea de Movementos Sociais de Vigo.

Unha plataforma xurdida hai varias semanas, que está integrada pola Federación Veciñal, a Rede de Solidariedade Popular, o Colectivo Imán, a Plataforma Xuntos e Plataforma de Abusos Bancarios. Contan tamén co apoio de Alternativa  Socialista de Vigo, Anova, BNG, CGT, CIG, CUT, Equo, EU, Podemos e SF-Intersindical.