00:36 h. sábado, 20 de abril de 2024

EMERXENCIA SOCIAL

O BNG urxirá unha solución ao colapso dos servizos sociais municipais no próximo Pleno

Redacción | @VigoDixital  |  17 de octubre de 2014 (10:00 h.)
Iolanda Veloso [Imaxe: BNG]

O grupo municipal nacionalista promove unha moción para exixir ao Goberno Municipal que reforce o persoal e adopte as medidas necesarias para axilizar o seu funcionamento.

Logo de meses de protestos e mobilizacións cidadás o colapso dos servizos socais dependentes do Concello será abordado no vindeiro Pleno municipal. O debate terá lugar a través dunha moción presentada polo BNG, na que reclaman que o Goberno municipal adopte as medidas necesarias e reforce o persoal do departamento apra solucionar de maneira urxente os atrasos na tramitación das axudas sociais e as importantes demora na atención da veciñanza en risco de exclusión.

“Solucionar este problema é unha cuestión de vontade política" afirmou Iolanda Veloso

Para a voceira do BNG, Iolanda Veloso, “solucionar este problema é unha cuestión de vontade política; en ningún caso das  traballadoras, que están facendo un esforzo moi grande para solucionar os problemas da cidadanía". Veloso alertou de que a falla de medios está a provocar que non se xestionen todos "os recursos económicos existentes" para axudas sociais. Aliás, os atrasos na tramitación de expedientes superan os dous meses e a cita previa para a atención hai que agardar entre tres semanas e un mes.

Vigo ten unha traballadora social por cada 17.500 habitantes, cando a lei fixa unha por cada 8.000

O Bloque criticou a inacción da Concellaría de Políticas de Benestar, da que é titular a socialista Isaura Abelairas, lembrando que teñen constancia formal do problema desde xuño do pasado ano 2013. Nesa altura o persoal dos servizos sociais xa trasladara que o Concello de Vigo incumpre a ratio estabelecida legalmente, ao dispor dunha traballadora social por cada 17.500 habitantes, en lugar dunha por cada 8.000 como se fixa na lei. 

Parches

En maio deste ano o persoal reiterou a súa denuncia reclamando a contratación urxente de 17 novas traballadoras sociais e 7 auxiliares administrativas. Porén, desde o Goberno Municipal non se atenderon as súas queixas e a única medida adoptada foi a contratación de 3 administrativas por tres meses, o que para o BNG representa un "pequeno parche absolutamente insuficiente".

A moción someterase á consideración da corporación municipal logo de que o Alcalde se negase a convocar un pleno extraordinario para abordar esta situación "de emerxencia", tal e como lle solicitara o Colectivo Imán e o propio  BNG.