05:41 h. viernes, 29 de marzo de 2024

DEREITO AO ABORTO

Bouzas tinguiuse o domingo de lila pola total despenalización do aborto

Redacción | @VigoDixital  |  29 de septiembre de 2014 (10:00 h.)
aborto [Imaxe: PGDA]

A Plataforma Galega pola Defensa do Dereito ao Aborto realizou unha manifestación na nosa cidade no marco da Xornada de Acción Global pola despenalización do Aborto. [Galería de imaxes no interior]

A nosa cidade foi un dos moitos puntos da xeografía galega que este domingo albergaron actos de protesto da Plataforma Galega pola Defensa do dereito ao Aborto (PGDA). As convocatorias estiveron enmarcadas na Xornada de Acción Global pola despenalización do Aborto.

Na nosa cidade realizouse unha manifestación con saída na explanada do Mercado de Bouzas. No acto participaron representantes de diversas forzas políticas, como o  BNG ou Esquerda Unida, para alén de activistas feministas e doutros movementos sociais.

Coa consigna "Aborto libre, as mulleres decidimos", a PGDA saudou a retirada do anteproxecto de lei promovido desde o  Ministerio de Xustizaz polo demitido Alberto Ruíz Gallardón, e que pretendía restrinxir o dereito a interrupción voluntaria do embarazo. Unha reforma que cualificaron como "atentado contra os dereitos, a autonomía e a liberdade das mulleres". 

Malia a retirada do anteproxecto de Lei promovido por Gallardón as organizacións feministas mantéñense alerta

Porén, as organizacións feministas continúan alerta e advirten que Mariano Rajoy xa anunciou a intención do Goberno español de "introducir medidas similares ás que contemplaba o Anteproxecto como, por exemplo, limitar o dereito a decidir das mozas de 1 6 e 1 7 anos".  Un pretenso que rexeitan de plano manifestando que "as mulleres como suxeitos de pleno dereito, non aceptamos ser tuteladas por ninguén e consideramos unha intromisión intolerable calquera intento de impornos un proxecto de vida alleo e non elixido"

O manifesto da PGDA reivindica ademais da completa despenalización do aborto, que se garanta a súa realización dentro da sanidade pública, o fomento da educación afectivo-sexual "libre de estereotipos sexistas e homófobos" e máis o acceso de todas as mulleres --incluídas as homosexuais-- a técnicas de reprodución humana asistida.

 

Galería de imaxes