06:35 h. viernes, 19 de abril de 2024

MEMORIA HISTÓRICA

Campaña para que a veciñanza denuncie a simboloxía fascista na bisbarra

Redacción | @VigoDixital  |  24 de septiembre de 2014 (21:24 h.)
Placa de Falange Española [Imaxe: tormentahild.blogspot.com]

O BNG habilita un correo electrónico ao que envíar fotografías e localización de símbolos fascistas, diante do "desinterese" de PP e PSOE coa Lei de Memoria Histórica.

En plena polémica arredor da negativa do Goberno municipal de Vigo para retirar a Cruz Fascista do Castro, malia o fallo xudicial que mandata a súa retirada, o BNG vén de lanzar unha campaña na que chama á veciñanza de toda a comarca de Vigo a denunciar a simboloxía fascista. 

Co lema “Fascismo Nunca Máis” a fronte nacionalista, pide á cidadanía que colabore denunciando os lugares onde inda se manteñen símbolos de carácter fascista ou que enxalcen o golpe militar do 36 e a ditadura franquista. 

Para o BNG a permanencia desta simboloxía ofende "a memoria dos galegos e galegas que sufriron o franquismo"

A permanencia destes emblemas e inscricións, que a Lei de Memoria Histórica obriga a retirar, é para o BNG unha ofensa “á memoria dos galegos e galegas que sufriron o franquismo”. “Supón un insulto á memoria da xeración de galegas e galegos que sufriron o franquismo por defenderen a liberdade e os dereitos democráticos e nacionais do pobo galego, á memoria daqueles aos que lles arrebataron a vida, torturaron, privaron de liberdade ou sufriron o exilio, para as cales desde o BNG esiximos a súa plena rehabilitación” enfatizan.

O Bloque habilitou o enderezo de correo electrónico vigo@bng-galiza.org, para que quen quixere envíe fotos e indique a súa localización, antes do 30 de outubro. A partir desa data farán publicas todas as denuncias recibidas para exixiren a súa retirada. 

A Asemblea Comarcal do BNG xustificou o lanzamento desta campaña social diante do “desinterese do PP” coa complicidade do PSOE, poñendo como exemplos a placa falanxista do Templo Votivo de Panxón (Nigrán) e o mantemento da Cruz do Castro na nosa cidade.