09:51 h. jueves, 25 de abril de 2024

EMERXENCIA SOCIAL

O colapso dos servizos sociais do Concello deixa sen axudas a centos de familias

Redacción  |  01 de septiembre de 2014 (10:00 h.)
_DSC9503

O goberno socialista garda silencio ante a crecente demanda de máis persoal e recursos para atender as situacións de extrema necesidade.

 

O caos reina nos servizos sociais do Concello de Vigo. O dioivo de solicitudes para acceder ás axudas sociais provocou un colapso que ameaza con deixar a centos de familias empobrecidas en grave risco de desprotección. “A cidadanía aguanta demoras e arbitrariedades insoportábeis ante as súas urxencias”, denuncian os colectivos civís, que apuntan aos recortes e a escaseza de persoal.

As 17 unidades de traballo social da cidade atenden ao dobre de poboación da que deberían

Os e as propias traballadoras dos servizos municipais denunciaban xa a comezos de curso estaren saturados. “A carga de traballo derivou nunha situación insostíbel e o persoal vese imposibilitado para atender as necesidades, demandas e dereitos básicos da cidadanía”, aseguraban nun escrito dirixido ao Alcalde da cidade, Abel Caballero. 

Falla de persoal

Meses despois o silencio continúa a ser a única resposta desde o Goberno municipal a este reclamo. A concelleira de Políticas de Benestar, Isaura Abelairas, insiste na liña oficial para defender a súa xestión, aínda que non nega o colapso. Ante o reclamo de reforzar os servizos sociais municipais, a concelleira escúsase en presuntas restricións que tería imposto o Goberno central e que impiden a contratación de máis persoal. Un argumento que rexeitan as organizacións sociais, que lembran que a lei contempla “a contratación temporal ou de interinos para cubrir necesidades urxentes e inaprazábeis”. Nos últimos anos, as 17 unidades de traballo social da cidade atenden ao dobre de poboación da que deberían. Os atrasos nas tramitacións e nos pagos das axudas son por iso constantes. 

A CIG e diversos colectivos sociais reclaman o reforzo dos servizos sociais

O tempo de espera actual para unha primeira cita cos servizos sociais supera o mes e para casos de inclusión até seis meses. As opcións ademais son reducidas e seguen un modelo de concorrencia competitiva, no que as persoas non reciben o necesario, senón o que toca a repartir.

Ante esta situación a Unión Comarcal da CIG de Vigo, reclamoulle días atrás ao Goberno de Caballero que priorizase as políticas sociais demandando o reforzo do persoal dos servizos sociais dependentes da administración municipal, con 10 novos e novas traballadoras sociais e outras tantas educadoras sociais. Nun comunicado o secretario comarcal da CIG, Serafín Otero, criticaba o que cualificou como "desleixo irresponsábel" e insensibilidade do Concello, aseverando que “humanizar a cidade pasa, en primeiro lugar, por poñer todos os medios, todos os recursos, todas as capacidades das que dispón a administración municipal para axudar a dar solución á situación límite que padecen un número moi importante de familias traballadoras na cidade”.

Menos axudas e máis atrasos

Existen por parte do Concello dúas clases de axudas sociais. As de emerxencia, cun orzamento de 445.000 euros, que se entregan en pequenas cantidades duns 170 euros de media por familia. O Goberno municipal viuse agora na obriga de aumentar a súa dotación en 100.000 euros para facer fronte ás máis de 3.000 solicitudes acumuladas, sen tramitar ou pendentes de resposta. Os datos avanzan que, como o pasado ano, centos de persoas poderían quedar sen receber a axuda que precisan. 

Hai 3.000 solicitudes acumuladas, sen tramitar ou pendentes de resposta

A maior partida, o coñecido como cheque social para vivenda, alimentos e subministros, conta con dous millóns de euros. Un 40% menos que no exercicio anterior, cando o BNG impuxo a creación desta axuda ao PSOE como condición para aprobar os presupostos municipais de 2013. O problema foi que o cheque non comezou a pagarse até decembro e moitas das persoas solicitantes quedaron sen cobrar. 

Este ano o atraso ten visos de repetirse posto que a tramitación vén apenas de comezar. No recente acordo orzamentario entre o PSOE e o PP locais tamén se levou a cabo un cambio nas bases que regulan a súa concesión. Unha mudanza que fixo  máis restritivo o acceso ás mesmas, segundo denuncian organizacións como a Oficina de Dereitos Sociais (ODS) de Coia ou a Rede de Solidariedade Popular de Vigo. A modificación aumenta de un a tres anos de empadroamento da familia enteira o período exixido para quen solicita a axuda, así como a obrigatoriedade de achegar un certificado de residencia no caso das persoas estranxeiras. “Só pode entenderse como unha estratexia para restrinxir ao máximo o número de solicitudes, entre elas moitas persoas que tiveron dereito a á axuda o ano pasado”. 

Sen alternativas

A imaxe de máis de 500 persoas amoreadas en ringleiras na lonxa do Concello no primeiro día de prazo para a solicitude das axudas puxo o foco na magnitude real da emerxencia social. A reacción desde o Concello para poñer fin a esa imaxe que non debeu agradar ao Alcalde foi limitar o número de persoas que se atendían cada día.  Con todo,  foron milleiros as solicitudes que se presentaron ao longo dun mes.

A tramitación das axudas sociais da Xunta ten demoras tanto ou máis prolongadas que as municipais

Familias que agardan agora un tempo que non teñen, conscientes de que a axuda chegará tarde, se chega, e escasa. “A tardanza resulta cruel e inasumíbel, tendo en conta a situación de extrema necesidade que padecen as persoas e familias demandantes. Os responsábeis municipais limítanse a poñer escusas cando lles exiximos que cumpran coa súa obriga”, lamentan dende a ODS.

Esta é a situación a pesar de contar cos “presupostos máis sociais da historia de Vigo”, como repite o Goberno municipal, mentres o colapso permanente dos servizos sociais deixa sen salvavidas a centos de familias. A única alternativa, solicitar as axudas da Xunta, ten demoras tanto ou máis prolongadas que as municipais. Só lles resta recorrer as ONGs, que é o primeiro lugar a onde son derivados polas propias institucións.