20:55 h. Lunes, 20 de Noviembre de 2017

Vigo Dixital

SERVIZOS SOCIAIS

O colapso dos servizos sociais de Vigo chega até o Valedor do Pobo

A Asemblea de Movementos Sociais reuniuse co Valedor en Compostela para lle entregar un informe da situación límite que se vive na cidade.

Redacción | @VigoDixital  |  02 de Diciembre de 2014 (17:14 h.)
Más acciones:

O Valedor do Pobo iniciou unha investigación
O Valedor do Pobo iniciou unha investigación

A situación que atravesan os servizos sociais municipais, que numerosos colectivos sociais, sindicatos e organización políticas como o BNG cualificaron nos últimos meses de “colapso”, xa está en coñecemento do Valedor do Pobo.

Representantes da Asemblea de Movementos Sociais de Vigo reuníronse onte co Valedor  en Compostela para lle trasladar as consecuencias que o colapso no servizo está a ter para os milleiros de persoas que por mor da situación de emerxencia social acoden a el na procura de axudas.

No encontro fixéronlle entrega dun detallado informe no que daban conta das “longas agardas que as persoas afectadas teñen que padecer para receber unha axuda de emerxencia municipal”. O informe recolle tamén as denuncias do propio persoal dos servizos sociais, que semanas atrás alertaban do estres que padecen pola insuficiencia de medios humanos do departamento.

O Valedor trasladoulles que incorporará a información facilitada á investigación que xa tiña en curso, após a queixa promovida polos propios traballadores e traballadoras sociais. A AMSV agradeceu a atención que lles brindou e lamentaron máis unha vez non teren logrado “nin atención, nin resposta” da Concellaría de Políticas de Benestar que dirixe a socialista Isaura Abelairas.