06:24 h. jueves, 25 de abril de 2024

EN VIGO HAI MÁIS DE 65.000 MOTOS CENSADAS

O Concello atende o reclamo do colectivo moteiro e adaptará os gardarraís da cidade

Redacción | @VigoDixital  |  11 de septiembre de 2014 (21:14 h.)
GARDARRAIL

O Goberno local comprometeuse a implementar sistemas de protección para motoristas. O colectivo moteiro recolleu máis de cen mil sinaturas a nivel de Estado para exixiren máis seguridade.

Tras moitos anos de reivindicación as persoas usuarias de motocicleta están a piques de ver cumprido o seu obxectivo de erradicar os actuais gardarraís, ou quitamedos, que polo seu deseño en caso de accidente poden producir graves lesións ou a morte dos e das moteiras ao funcionaren como “guillotinas”. Vigo dará un primeiro paso, logo de que o Concello por boca do Alcalde, Abel Caballero, veña de asumir publicamente o compromiso de adaptar todos os gardarraís da súa titularidade implementando neles sistemas de protección para motoristas (SPM). 

O Alcalde comprometeuse a ter en dúas semanas a relación de todos os puntos nos que se actuará

O anuncio tiña lugar coincidindo co acto de entrega por parte de cen moteiros e moteiras das máis de 100.000 sinaturas que recolleron a nivel de Estado para exixiren a implementación de SPM en todos os gardarraís do Estado. A iniciativa xurdiu da viguesa May Aguilar e as sinaturas serán entregadas o próximo día 19 ao Valedor do Povo. Caballero anticipou que o Goberno municipal porá un marcha un plan especial para adaptar os dispositivos da súa competencia. En dúas semanas comprometeuse a dispor xa da relación de todos os puntos nos que se actuará para mellorar a seguranza do colectivo moteiro.  En Vigo hai censadas máis de 65.000 motocicletas.

O rexedor non avanzou, porén, porque sistema optarán na adaptación, xa que existen diferentes opción como --entre outros-- a protección de postes, a dobre bionda para eliminar o oco existente entre o gardarraíl e a estrada ou o sistema SPM-Basyc, consistente nunha malla elástica. Diferentes estudos cifran por acima do 20% a mortalidade nos accidentes de moto, face o 13% no caso dos turismos. Nesta diferenza incidiría o impacto dos gardarraís tradicionais por seren moi agresivos cos motoristas en caso de caída por mor dun accidente.

Entrevista á promotora da campaña

A seguir ofrecemos o audio da entrevista realizada a May Aguilar, promotora da campaña "Stop gardarraís", realizada por unha emisora de radio sevillana o pasado 29 de xuño. Nela explica as razóns e obxectivos da súa iniciativa.