14:43 h. viernes, 19 de abril de 2024

EMERXENCIA SOCIAL

O Concello denega o ‘cheque social’ a máis de 700 familias sen recursos

Redacción | @VigoDixital  |  09 de octubre de 2014 (21:04 h.)
A concelleira de Benestar Social, Isaura Abelairas, co Alcalde [Imaxe: Vigo.org]

A principal axuda social resólvese un mes fóra de prazo, cun número similar de beneficiarias que o ano pasado pero con contías inferiores .

O Concello de Vigo vén de resolver por segundo ano a principal axuda social, coñecida como ‘cheque social’, do que se beneficiarán 1.253 persoas e familias, un número similar ao do ano pasado. As contas estaban axustadas para que o recorte do 40%, pactado por PSOE e PP, na partida do ‘cheque social’ non se deixara notar no número de persoas beneficiarias. De feito, esa mesma porcentaxe ¬¬--case un 40%-- das persoas  que o solicitaron viron denegada a axuda. 700 familias non receberán un só euro.

O importe medio das axudas diminuíu un 20% en relación ao ano pasado.

O recorte no departamento que dirixe a socialista Isaura Abelairas afectou tamén ao importe medio das axudas, que baixou até os 1.400 euros fronte á ‘tarifa plana’ de 1.750 euros de 2013. Unha rebaixa dun 20%. Este ano as cantidades oscilan entre 138 e 5.000 euros como máximo, en base a un sistema de puntos para repartir as axudas de vivenda, alimentos e subministros. 

Ademais, o goberno municipal incumpriu de novo os prazos fixados para resolver as solicitudes, que se comezarán a pagar a vindeira semana. Un mes máis tarde do fixado nas bases. Bases que o Concello endureceu este curso, rebaixando o número de persoas peticionarias máis dun 30%. Son máis de 700 as familias sen recursos ás que se lles denegou o ‘cheque social’. 

“O resultado é o esperado. As bases eran máis restritivas para deixar fóra a centos de persoas. E o número de persoas beneficiarias resulta ridículo, non se achega á realidade. Ninguén se cre que só 1.200 persoas pasen necesidades urxentes na nosa cidade”, consideran desde a ODS-Coia.

Polémicas prioridades no gasto municipal

O Goberno local gastará o mesmo, 1,8 millóns de euros, nas escaleiras mecánicas e no ascensor que no 'cheque social'

E como o pasado ano, tampouco se executou toda a partida económica asignada ao ‘cheque social’. O gasto final será de 1,8 millóns de euros. A mesma cantidade que custarán as obras municipais para instalar as escaleiras mecánicas de II República e o ascensor proxectado nas Camelias. 

O Concello deixará 200.000 euros sen executar que, segundo informan, quedarán reservados para posíbeis recursos.  De non gastarse, aseguran que serán derivados ao pago das axudas de emerxencia social, cuxo orzamento está case rematado malia ter sido ampliado, e cuxa xestión está a xerar unha ampla inseguridade nas persoas solicitantes. 

Repítense así, por segundo ano, os atrasos, os complexos trámites burócraticos e as arbitrariedades no pago das axudas sociais. Achegas, que cada vez axudan menos a quen máis o precisa.