13:23 h. jueves, 28 de marzo de 2024

AXUDAS SOCIAIS

Denuncian que a Xunta realiza inspeccións sorpresa a persoas beneficiarias da RISGA

Redacción | @VigoDixital  |  17 de octubre de 2014 (10:00 h.)
pobreza [Imaxe: aruasjf.wordpress.com]

A ODS critica a medida e exixe ao Goberno galego que en lugar de desconfiar das "persoas empobrecidas" axilice a tramitación das axudas sociais.

Sen aviso previo unha inspectora enviada pola Xunta de Galiza presentase no teu domicilio particular, para preguntar e reclamar documentación como o selado do paro ou os ingresos familiares.  

A situación descrita non é ficción e xa a sufriron na nosa cidade varias persoas que son beneficiarias da Renda de Integración Social de Galiza, RISGA. Así o vén de denunciar a Oficina de Dereitos  Sociais de Coia (ODS), para quen este feito visa que a administración galega desconfía "das persoas empobrecidas, pero non da enriquecidas".

"En vez de sinalar ás persoas máis vulnerables que comecen por controlar ás grandes fortunas e empresas" sostén a ODS.

"Coa escusa de controlar os casos de fraude dentro dos perceptores da RISGA a Xunta obriga a pasar a moitas persoas por unha nova rolda de recoñecemento, volvendo a preguntar por datos e a pedir explicacións sobre feitos que coñecen dabondo" denuncian desde a ODS. Desde o colectivo critican que o Goberno galego estabeleza agora estes controis arbitrarios en troca de axilizar a tramitación desta axuda, que no caso dos e das solicitantes de Vigo acumulan nalgúns casos atrasos de varios meses.

"En vez de sinalar ás persoas máis vulnerables economicamente, aconsellamos que comece mellor por controlar ás grandes fortunas e empresas e o seu abano de medios para evadir impostos" defenden.

Día contra a riqueza

Para celebraren o día mundial contra a pobreza, que ten lugar esta sexta feira día 17, a ODS, canda a Parroquia do Cristo da Vitoria, o Grupo de Axitacion Social e Baladre, realizarán unha recollida de sinatura a prol da campaña galega "Da RISGA  á Renda Básica das Iguais".

Con esta acción, e no marco do que renomearon como "Día contra a riqueza", estes colectivos sociais apostarán por superar modelos sociais de tipo asistencial, advogando por que toda persoa teña dereito a percibir unha contía económica para satisfacer as súas necesidades elementais. 

A recollida de sinaturas terá lugar na Praza de América, a carón da Biblioteca, en horario de 10 a 13h. Ás 12 da mañá darán lectura ao manifesto da campaña pola Renda Básica.