21:46 h. viernes, 19 de abril de 2024

AXUDAS SOCIAIS

O departamento de Benestar Social do Concello di que “non ten cartos”

Redacción | @VigoDixital  |  22 de septiembre de 2014 (20:48 h.)

Esta é unha das moitas escusas que reciben as persoas solicitantes e axudas de emerxencia en Vigo, segundo denuncia a Oficina de Dereitos Sociais de Coia.

Vivir nunha situación límite, recorrer ás poucas axudas sociais dispoñíbeis e recibir unha escusa por resposta. A Oficina de Dereitos Sociais (ODS) de Coia vén de arremeter unha vez máis contra o mal funcionamento dos servizos sociais de Vigo, “cansas e fartas”, aseguran, de que se repitan situacións que levan meses denunciando publicamente. 

En especial, na tramitación das Axudas de Emerxencia Municipais (AEM) onde algúns casos “puntuais pero non anecdóticos” revelan que non houbo ningún cambio na Concellería de Benestar Social de Vigo, dirixida pola socialista Isaura Abelairas. Xa o ano pasado foron centos de persoas as que quedaron sen AEM pola caótica xestión do departamento. E quen a recibiu tivo que agardar meses para cobrar unha axuda cuxo nome denota a necesidade dunha urxente tramitación. Este curso, a situación é similar ou peor, din, porque son milleiros de solicitudes as que non tiveron resposta.

A ODS denuncia casos de "arbitrariedade na tramitación" de axudas polos servizos sociais do Concello

A ODS de Coia non se refire só as evidentes demoras, que tamén se suceden no resto das axudas, como o ‘cheque social’, as becas de comedor ou a RISGA. “Nas Unidades de Traballo Social seguimos a escoitar que ‘non hai cartos’ no departamento que dirixe Isaura Abelairas, seguimos a padecer arbitrariedade na tramitación, seguimos a coñecer AEM que non se tramitaron por esquecementos, seguimos a escoitar que esa solicitude ‘non é unha urxencia’”, asegura o colectivo.

Aseguran que os responsábeis políticos e técnicos de Benestar Social cortaron toda comunicación con eles, entre outras represalias. “Parecen cada vez máis agochados na súa torre de marfil”, manifestan. Por riba, as demandas de que se aumente o número de traballadoras sociais do departamento, unha das principais fallas que denunciou o propio persoal, quedou estas semanas en evidencia cando cinco das 17 traballadoras estaban de baixa por ansiedade, segundo recolle ‘La Voz de Galicia’.

Derbi galego pola Renda Básica

A ODS, xunto a parroquia do Cristo da Vitoria e do GAS, continúa ademais coa campaña a prol da Renda Básica. Aproveitando o derbi futbolístico deste martes organizarán recollida de firmas dende as 19.30h até as 22h, hora de comezo do encontro, para impulsar unha Iniciativa Lexislativa Popular. A mesa estará preto da grada de Tribuna do estadio de Balaídos.