12:25 h. viernes, 29 de marzo de 2024

EMERXENCIA SOCIAL

Desaloxan pola forza a “Acampada Dignidade” para non afear a chegada dun cruceiro

Redacción | @VigoDixital  |  30 de septiembre de 2014 (15:02 h.)

Un forte dispositivo policial expulsa ás persoas que acampaban en Montero Ríos, para reclamaren a axilización das axudas sociais de emerxencia, pouco antes da chegada a porto do Independence of the Seas. 

Ás 6 da mañá forzas antidisturbios desaloxaban pola forza a chamada “Acampada Dignidade”, que promoveu a a Asemblea de Movementos Sociais para urxir a resolución das axudas de emerxencia social de Xunta e Concello. Cinco furgonetas e un operativo de varias decenas de policías, procedían a levantar o campamento identificando e retendo as persoas que nese momento durmían nas tendas instaladas en Montero Ríos, nas proximidades do edificio da Xunta. A primeira hora da mañá o servizos de limpeza municipais retiraban os enseres e material das persoas acampadas.

O desaloxo coincide coa chegada dun novo cruceiro, o Independence of the Seas, que aportaba en Vigo ás nove horas desta mañá. Desde a RSP, un dos colectivos que integran a Asemblea de Movementos Sociais, denunciaron que a medida pretende “ocultar a situación de extrema necesidade e precariedade que viven milleiros de familias” na nosa cidade.

Precisamente a “Acampada Dignidade” acollía onte á tarde unha nova xuntanza da Asemblea de Movementos Sociais. Nela acordouse continúar coa campaña de denuncia e axitación social, iniciar unha recollida de sinaturas en apoio do seu manifesto e a convocatoria dunha nova mobilización para a segunda quincena de outubro.