00:47 h. sábado, 20 de abril de 2024

ESTAFA

O estudantado do título falso de criminoloxía da Uvigo leva a súa causa ao Congreso

Redacción | @VigoDixital  |  27 de noviembre de 2014 (10:54 h.)
Estudantes de Criminoloxía na Fiscalía Anticorrupción (Foto: Coacyd)

Reuníronse con representantes dos grupos parlamentarios para trasladarlles a súa denuncia por estafa contra un catedrático da UVigo.

A súa causa está agora en mans da xustiza, despois dunha década esperando por unha solución. Son máis dun centenar de estudantes da suposta carreira de Criminoloxía, que ofertaba a Universidade de Vigo (UVigo), pero que resultou ser unha falsa titulación. Este mércores continuaron a súa denuncia en Madrid, onde se reuniron con representates dos grupos parlamentarios e cunha letrada da Fiscalía Anticorrupción, que estuda o caso.

Un día antes estiveran con representantes do BNG e o PSdeG no Parlamento galego, que lles transmitiron o seu apoio e a promesa de levar a causa á cámara. Segundo a Coordinadora de Afectados de Ciencias Policiais (Coacyd), que agrupa aos denunciantes, a reacción da maioría foi de asombro ante a gravidade dos feitos e a longa listaxe de irregularidades que denuncian.

Cronoloxía dunha presunta estafa

Malia a apariencia de oficialidade, nada do que lles prometeran se cumpriu. A titulación chamábase Grao en Ciencias Policiais e Detective Privado, cando en realidade recibiron un diploma que equivale a un curso de formación fraudulento, pasando porque se realizaba nas instalacións da UVigo, que o ofertaba na súa web. 

A titulación se chamaba Grao en Ciencias Policiais e Detective Privado, cando en realidade non estaba recoñecida oficialmente.

O suposto grao, que arrancou en 2004, estaba dirixido por un catedrático de xurídicas, Javier de Vicente Remesal, antigo decano da facultade e vicereitor da UVigo. Con este aval, centos de persoas decidiron matricularse na nova carreira. Pero no segundo ano comezaron as primeiras sospeitas. 

Denuncian que moitas das asignaturas eran enganosas. Citan como exemplo a de ‘Técnicas de control psicofísico’, que resultaron ser clases de ximnasia e ioga impartidas pola muller de Remesal. O resto do profesorado pertencía ao seu círculo, a maioría membros da Fundación Internacional de Dereito Penal, que preside o catedrático.

Catro veces máis caro que en Santiago

Aseguran que lles roubaron até 400 horas, equivalentes a 1.700 euros. Horas de clase que foron eliminadas, segundo o estudantado, directamente da programación de cada ano. Pagaron por tres cursos un mínimo de 7.500 euros, algúns superan os 8.000, catro veces máis caro que o título oficial na Universidade de Compostela. 

Recibiron un diploma sen valor, firmado polo reitor e expedido pola universidade, pero que nin sequera cumple a lexislación como curso de formación

A cambio, recibiron un diploma sen valor, firmado polo reitor, Salustiano Mato, e expedido pola universidade, pero que nin sequera cumple a lexislación como curso de formación. Síntense vítimas dunha estafa e denuncian o abandono da administración. As súas protestas foron rexeitadas pola UVigo, que lles promete unha solución mentres protexe ao catedrático. Apuntan a que a gravidade do caso vai alén do propio Remesal, que contou coa protección da cúpula universitaria.

Por iso decidiron dar un paso adiante, antes de que os presuntos delitos prescriban, e denunciaron nos xulgados a Remesal. Denuncia por estafa, prevaricación e falsidade documental que foi admitida a trámite polo xulgado de Instrucción número 1 de Vigo, e que conta con informes a favor do Valedor do Pobo e do Tribunal de Garantías da UVigo. Estudan tamén emprender accións legais por suposta malversación de subvencións europeas. Unhas axudas destinadas a becar ao estudantado, aseguran, pero que foi repartida discrecionalmente por Remesal.