00:26 h. martes, 23 de abril de 2024

PRIVATIZACIÓN

Familias do centro San Francisco critican que a Xunta trate as persoas usuarias como "mercadoría"

Redacción | @VigoDixital  |  18 de septiembre de 2014 (10:00 h.)
Centro San Francisco

Desconfían de que unha empresa privada vaia controlar a xestión, que até agora estaba en mans dos propios pais e nais. Familias e cadro de persoal mobilizaranse para reclamar ao Goberno galego o mantemento do servizo no centro.

 

Malestar e preocupación entre as familias e o persoal do centro San Francisco de Vigo ante a inminente perda da subvención que lles permitía atender a 73 persoas con discapacidade intelectual. A Xunta sacaba o pasado 8 de agosto, por sorpresa segundo os sindicatos,  o servizo a concurso público.  No mesmo competiron a Asociación Galega San Francisco (Agasfra), formada por familiares, e a Residencial Doral, empresa privada, que obtivo mellor puntuación. 

Traslado a Mos

Agasfra, creada en 1967, considera que a medida é un atropelo contra os seus fillos e fillas, que son tratados como “mercadorías”.  As persoas usuarias teñen no centro sito na rúa Cangas "unha segunda casa", aseguran as súas familias. Se o recurso que preparan contra a concesión provisional non prosperase, estarán obrigados a solicitar unha nova praza concertada en Mos.

Lamentan que a Xunta non tivera en conta no concurso que a maioría das persoas usuarias residen en Vigo e desconfían de que unha empresa privada controle a xestión, que até agora estaba en mans dos propios pais e nais organizados na asociación. 

Privatización

O persoal do centro podería perder o seu posto de traballo

O resultado do concurso  supón a súa privatización durante os próximos vinte anos. Feito que para a  CIG-Ensino demostra "a intención da Consellaría de deixar en mans de empresas privadas os servizo de atención á discapacidade que viñan prestando asociacións sen ánimo de lucro, continuando coa política do PP de privatización dos servizos sociais". O sindicato nacionalista teme que esta concesión sexa só a primeira das que están por vir nun sector que mobiliza 27 millóns de euros ao ano en Galiza, o que representa "un bocado moi apetitoso para as empresas privadas".

Aliás, a Consellería de Benestar non garante a continuidade dos e das 20 traballadoras que veñen prestando o servizo no San Francisco, e que pola súa traxectoria coñecen de primeira man ás persoas que atenden . O plantel podería ficar sen emprego ao non se incluír a súa subrogación no prego da concesión, polo que Residencias Doral non estaría obrigada aos incorporar ao seu cadro de persoal.

Apoio do BNG

Representantes de Agasfra mantiveron onte unha xuntanza co  BNG, na que participaron representantes do grupo municipal nacionalista e a deputada Carme Adán. Para alén de lles expresar o seu apoio o Bloque criticou que a Xunta trate de sacar “beneficio coa vida das persoas”.

A fronte nacionalista manifestou a súa oposición á privatización de servizos que atenden a persoas con discapacidade e avogou, en troca, polo "concerto social".  Asemade, Carme Adán alertou de que a carta de servizos vai permitir que as persoas usuarias do San Francisco, con discapacidade psíquica, partillen centro e servizos con persoas maiores. 

Mobilizacións 

As familias e cadro de persoal realizarán unha concentración para mostrar o seu desacordo coa decisión da Xunta este xoves 18 ante a sede da Consellería en Santiago, co apoio do Movemento asociativo de Familias de persoas con discapacidade mental. 

Agardan que a Xunta rectifique, aínda que as declaracións da conselleira Beatriz Mato deixan case pechada esa posibilidade. O Goberno autonómico escúdase na lei que lle obriga a regularizar este tipo de convenios de colaboración e asegura que fixeron “todos os esforzos” para mantelo no centro vigués.