00:00 h. miércoles, 24 de abril de 2024

As fronteiras burocráticas da Xunta para as persoas inmigrantes sen recursos

Redacción | @VigoDixital  |  11 de noviembre de 2014 (18:18 h.)
Protesta pola discriminación na Risga (Foto: ODS-Coia)

O Foro Galego de Inmigración convocou unha protesta ante os numerosos casos de persoas migrantes ás que se lle denega a Risga pola súa condición de estranxeira.

Discriminados por dúas veces. Así se encontran as persoas migrantes sen recursos cando solicitan a principal axuda social autonómica, a Risga, segundo denunciaron este martes o Foro Galego de Inmigración, acompañado pola Oficina de Dereitos Sociais (ODS) de Coia e o Grupo de Axitación Social, nunha protesta fronte á delegación da Xunta en Vigo.

Non ter ingresos impídelles acceder ao rexistro, condición indispensábel para pedir unha prestación para situacións de pobreza e exclusión social. 

Apuntan a que a nova lei de inclusión social modifiu os requisitos para as persoas estranxeiras comunitarias. A Xunta esíxelles estar inscritos no rexistro de Estranxeiros, pese a que non é obrigatorio para residir no país. Un trámite para o que se precisa ter emprego ou demostrar ingresos suficientes.

Un paradoxo legal, posto que non ter ingresos impídelles acceder ao rexistro, condición indispensábel para pedir unha prestación para persoas en situación de pobreza e exclusión social. 

Persoas que levan anos na cidade

Nesta situacións encóntranse persoas que levan anos empadroadas en Galiza e que teñen pasaporte comunitario, a maioría de nacionalidade portuguesa, aseguraron os convocantes no manifesto que leron ao remate do acto.

“As restricións e as vulneracións de dereitos ás que están sometidas as persoas migrantes van alén das actuacións que de cando en vez saltan á primeira plana dos medios de comunicación: devolucións en quente, redadas, deportacións masivas... No labirinto institucional e burocrático tamén atopamos múltiplas fronteiras e altas doses de racismo e xenofobia”.