00:37 h. martes, 19 de marzo de 2024

CONTRA A PRIVATIZACIÓN DA ATENCIÓN Á DISCAPACIDADE

Unha grande manifestación exixe o mantemento do Centro San Francisco

Redacción | @VigoDixital  |  01 de octubre de 2014 (10:00 h.)

Arredor de 1.500 persoas exixiron á Xunta o mantemento do convenio de colaboración coa asociación que xestiona centro de atención a persoas con discapacidade intelectual. [Vídeo e galería de imaxes no interior]

Arredor de 1.500 persoas percorreron as rúas do centro da cidade reivindicando o mantemento do centro San Francisco. A asociación sen ánimo de lucro que desde hai case cincuenta anos desenvolve un servizo de atención de persoas con discapacidade intelectual, que agora fica ameazado pola decisión da Xunta de Galiza de llo adxudicar a unha empresa privada durante os próximos vinte anos.

Exíxenlle a Xunta o mantemento do convenio coa asociación para evitar o traslado de 73 persoas usuarias a Mos

A manifestación convocada pola Asociación Galega San Francisco (Agasfra) e apoiada pola federación galega, Fademga, iniciaba o seu percorrido ás 20:00h do martes desde Vía Norte. Ao berro de “San Francisco non se pecha” e “San Francisco non se vende”, a marcha decorreu con grande balbordo polas rúas do centro até concluír na Porta do Sol.  No peche do protesto tomaron a palabra voceiros das persoas usuarias, familiares, traballadores e traballadoras e responsábeis da Agasfra. Todos cadraron en lle exixir ao Goberno galego o mantemento do convenio de colaboración indispensábel para garantir o a actividade no centro vigués, en troca de forzar o traslado de 73 usuarias e usuarios a Mos, onde ten as súas instalacións a adxudicataria privada. 

A adxudicación a unha empresa privada pon en risco os empregos do plantel do San Francisco

O emotivo relato dunha das usuarias máis veteranas, salientou o bo trato que lles dispensa o persoal da entidade, que agora vé ameazado o seu posto de traballo ao non se incluír no prego da concesión unha cláusula que obrigase a subrogación do plantel. Os sindicatos CIG, CCOO e UGT denunciaron que esta medida supón ademais dilapidar a experiencia acumulada dun cadro de persoal que xa está familiarizado coas necesidades dos e das usuarias. O Comité de Empresa xa remitiu ao Goberno galego máis de 1.500 sinaturas pedindo a paralización do concurso de adxudicación.

No acto participaron representantes de diversas forzas políticas, como a deputada Carme Adán e o concelleiro  Xabier Alonso polo BNG, o deputado socialista Abel Losada ou a deputada de AGE Eva Solla. Tamén estiveron presentes os máximos responsábeis das tres centrais sindicais, Serafín Otero (CIG), Amelia Pérez (CCOO)  e Domingo Barros (UGT). A federación de ensino da CIG desprazou até Vigo ao seu Secretario Nacional, Anxo Louzao. 

Apupos a Isaura Abelairas

Malia que estaba inicialmente prevista a presenza do Alcalde, Abel Caballero, este finalmente non asistiu. Si estivo presente polo Goberno municipal a concelleira de Políticas de Benestar, Isaura Abelairas. A presenza de Abelairas na faixa de cabeceira e o feito de que esta tomase a palabra ao remate do acto provocou indignación entre algúns dos manifestantes que a apuparon cando concluíu a marcha e a edil abandonaba a Porta do Sol.

 

Galería de imaxes

[Imaxes: CIG e @IlCanallaRubens]