00:27 h. miércoles, 24 de abril de 2024

O hospital Meixoeiro terá que pechar camas de novo este inverno

Redacción | @VigoDixital  |  01 de septiembre de 2014 (10:00 h.)

Persoal e sindicatos avisan de que haberá novas inundacións polo incumprimento da Xunta, que pospón a reforma necesaria até a apertura do novo hospital.

Humidades nos teitos, cubos e toallas no chan para evitar as pingueiras, xanelas que filtran auga… As escenas que se viviron o pasado inverno no hospital do Meixoeiro volverán a repetirse este ano. Así o aseguran persoal do hospital e sindicatos logo de se coñecer que a reforma integral que ten que acometer a Xunta nas súas instalacións non estará lista até o remate do novo hospital.

Todo malia que a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, prometera en marzo que a reparación da fachada do hospital se levaría a cabo durante o verán. Pero a obra demorouse por mor de que a Xunta non executou os 4 millóns de euros previstos para esa reforma. 

En troca, a inversión reduciuse a 192.000 euros para reparar a fachada sur do Meixoeiro. A obra iniciouse a comezos de mes e debería estar lista en outubro, aínda que o estado do edificio está peor do esperado. A fachada sur é a que ten problemas máis evidentes, con grandes fendas e xanelas tapiadas, pero as filtracións afectan tamén ao vestíbulo ou a zona norte, onde hai habitacións.

A propia conselleira recoñeceu que a reforma non estará lista até 2015. Cando o hospital de Beade comece a funcionar, o plan da Xunta é desmantelar gran parte dos servizos do Meixoeiro, polo que a obra de reforma non urxe polo momento para a administración autonómica.

A propia conselleira recoñeceu que a reforma non estará lista até 2015

O persoal e os sindicatos xa comezaron a se mobilizar ante o que se prevé un inverno duro. O pasado tiveron que pecharse 42 camas polas filtracións, fronte as 37 que anunciou o Sergas. As urxencias estiveron colapsadas nos peores días e a falta de espazo obrigou a deixar pacientes nos corredores. Pecháronse quirófanos e algunhas probas tiveron que retrasarse.

Está prevista unha segunda fase de reforma nestas áreas, segundo dixo Mosquera. Porén, para a CIG trátase dun simple lavado de cara da Xunta e recorda que o Meixoeiro non se pechará cando inauguren o de Beade, polo que cómpre facela reforma de maneira urxente. Dende CCOO ilustran o insuficiente da obra explicando que afectará a 20 xanelas cando o hospital ten máis de 400.