02:28 h. martes, 19 de marzo de 2024

LOITA CONTRA A POBREZA

Inician unha recollida de sinaturas para a reapertura do programa Sereos

Redacción | @VigoDixital  |  30 de septiembre de 2014 (12:29 h.)
Furgoneta onde se realiza o programa Sereos

O colectivo Imán lanza unha campaña para que o Concello de Vigo devolva ás persoas sen recursos e sen teito o local onde recibiron atención durante os últimos 16 anos

O programa Sereos, que atendía a centos de persoas pobres severas, enfermas e sen teito, levan máis de un ano sen local dende que o Concello de Vigo decidise pechalo por sorpresa. Unha decisión que os expulsou do lugar onde os últimos 16 anos recibiron atención para as súas necesidades máis básicas e que se substituiu por unha furgoneta na rúa Jacinto Benavente, rodeada de naves industrias e que os obriga a estar á intemperie.

Os usuarios denuncian que os días de mal tempo teñen que mollarse e pasar frío e que moitos e moitas deixaron de vir por esta razón

O colectivo Imán vén de lanzar unha recollida de sinaturas en Change para que se reabra o local, sito na rúa Elduayen. Denuncian que o peche responde a intereses especulativos do Concello, que xa proxectou a reforma da praza aludindo ao desgaste dos usuarios do programa.

O desaloxo provocou que o servizo traballe hoxe baixo mínimos, cun 90% menos de xeringas intercambiadas e un 85% menos do coñecido como ‘café-calor’, un complemento nutricional. Os usuarios denuncian que os días de mal tempo teñen que mollarse e pasar frío e que moitos e moitas deixaron de vir por esta razón. O servizo remata sobre as 12 da mañá, pola baixa afluencia, cando antes traballaba tamén pola tarde. O último ano pasaran por él máis de mil persoas.

"O pleno soñado", novo acto fronte ao Concello

Por iso mes tras mes, o colectivo Imán e o Cristo da Victoria veñen realizando un acto para esixir a reapertura do programa orixinal. Este xoves 2 repetirán fronte ao Concello de Vigo, ás 11h, e presentarán a recollida de sinaturas. A protesta recreará “o pleno soñado”, onde esixirán a reapertura do local, ademais dun aumento no número de persoal no departamento de Benestar Social, colapsado todo o ano, e a creación dun parque de vivendas municipais para as persoas sen recursos.

“Ante as nefastas políticas de benestar social anunciaremos, que no primeiro xoves do mes de novembro, se non cambian a súa actitude, declararemos ‘persoas non gratas’ ao alcalde Abel Caballero e á Concelleira de Benestar Social, Isaura Abelairas, de quen temos pedido reiteradamente a sua dimisión. Ao resto dos concelleiros do Grupo Municipal Socialista os consideramos corresponsábeis”, aseguran na nota de convocatoria.