00:36 h. martes, 19 de marzo de 2024

CASE MEDIO MILLÓN DE APOIOS

A loita dunha viguesa pola protección social das persoas enfermas de cancro volve ao Congreso

Redacción | @VigoDixital  |  29 de septiembre de 2014 (10:01 h.)
Beatriz Figueroa (Foto: petición Change.org)

Beatriz Figueroa busca lograr medio millón de sinaturas despois de 18 meses de loita para mellorar a protección dos enfermos de cancro, que malviven se non reciben a incapacidade.

Todo comezou o día que a Beatriz Figueroa lle diagnosticaron un cancro. E podería rematar o próximo 7 de outubro se o Congreso dos Deputados aproba a Proposición de Lei para mellorar a protección social dos enfermos de cancro. Antes, este luns 29, defenderá no Pleno municipal unha moción de apoio de cara ao debate na cámara baixa.

Apoio que xa recibiu dos concellos de Redondela, Cangas e Moaña e de máis de 476.000 persoas durante os últimos 18 meses. Porén, aspira a lograr o medio millón antes de que chegue a Madrid. Tamén se reunirá co Valedor do Pobo e o día 23 de outubro terá xuizo contra a Seguridade Social, a quen lle reclama a incapacidade.

Só restan 24.000 sinaturas para que acade o obxectivo antes de chegar ao Congreso

A enfermidade sorprendeuna no paro, logo de cotizar durante 20 anos. Agora ten que vivir e pagar o 40% da súa medicación cos 426 euros que cobra ao mes. Os recortes e a negativa da incapacidade, empurraron a Beatriz a pedir un cambio na lexislación que protexa as persoas enfermas fronte a estas situacións. 

Denuncia que vese na obriga de malvivir, en exclusión, como lle ocorre a moitos e moitas enfermas. Por iso, a través da plataforma Change, onde comezou a visibilizar a súa causa, continúa recollendo sinaturas a prol desta reforma. Só restan 24.000 para que acade o obxectivo inicial.

O PP votou en contra en abril

O vindeiro día 7 será a segunda vez que o Congreso debata arredor das reivindicacións incluídas na campaña que promove Figueroa. O pasado 23 abril, a Comisión de Emprego e Seguranza Social do Congreso abordaba unha proposición non de lei, presentada pola deputada do BNG Olaia Fernández Davila para dar resposta a esta problemática.

Na iniciativa, Davila, propuña unha modificación da Lei Xeral de Seguridade Social para lograr "que se considere situación de incapacidade permanente a toda persoa diagnosticada cun carcinoma, unha vez teña esgotado o prazo máximo de duración da incapacidade temporal".  A proposición non prosperou ao obter 18 votos a prol fronte os 23 en contra do Partido  Popular.

Vídeo da campaña