19:32 h. Domingo, 23 de Xullo de 2017

Vigo Dixital

SOCIAL

Mantense o recorte do 40% na principal axuda social do Concello para 2015

A partida para o coñecido como cheque social continuará este ano en dous millóns de euros, así como os requisitos para acceder á prestación.

Redacción | @VigoDixital  |  08 de Xaneiro de 2015 (14:26 h.)
Máis accións:

O ano pasado as solicitudes colapsaron o Concello
O ano pasado as solicitudes colapsaron o Concello

A principal axuda social do Concello de Vigo, o coñecido como cheque social, renóvase para 2015 sen cambios. O goberno municipal mantén o recorte do 40% que aplicou o pasado ano, pasando dos 3,2 millóns orzamentados en 2013 -- por exixencia do BNG -- aos actuais 2 millóns de euros, na prestación destinada ás persoas e familias en situación de empobrecemento.

Tamén quedan intactos os requisitos para acceder á axuda, endurecidos o pasado ano. Así, o goberno municipal limitou o número de solicitudes que se rebaixaron un terzo, deixando sen axuda a 700 familias. Malia estas restricións, as ringleiras para solicitar o cheque social tiveron colapsada a lonxa do Concello. Un colapso que se trasladou aos servizos sociais, provocando atrasos de meses e protestas recentes do propio persoal municipal.

Todo apunta a que este ano se repetirán os mesmos problemas que no pasado

Todo apunta a que este ano se repetirán os mesmos problemas que no pasado. A primeira eiva pasa polo número de traballadoras sociais, 17, que atenden ao dobre de poboación que deberían. Non teñen constancia de que vaian contratar persoal de reforzo, aseguran, o que impide unha xestión áxil das axudas e a acumulación dos expedientes.

A consecuencia foron atrasos e esperas, duramente criticados pola oposición e as organizacións sociais. En 2013, o cheque social non se ingresou até decembro, mentres que o pasado ano resolveuse en outubro, superando os tres meses de prazo fixados polo mesmo Concello para tramitar as solicitudes.

Este curso, coas eleccións municipais á volta, o goberno municipal acelerou a aprobación das bases. A prórroga dos orzamentos municipais para 2015 evitará que se retrase a apertura do proceso, como ocorrera en 2014. A data para solicitar a axuda coñecerase cando se publique no Boletín Oficial da Provincia.