21:02 h. jueves, 18 de abril de 2024

PRIVATIZACIÓN SANIDADE

Vigo reitera a súa oposición á sanidade privatizada que promove a Xunta

Redacción | @VigoDixital  |  12 de diciembre de 2014 (06:03 h.)

Milleiros de persoas participan dunha nova mobilización coa que se visa a ampla oposición social fronte a reforma da área sanitaria viguesa, que conlevará o desmantelamento de cinco centros hospitalarios. [Vídeo no interior]

[Vídeo: Avantar]

A veciñanza de Vigo encheu máis unha vez as rúas da cidade cunha manifestación multitudinaria contra a reforma sanitaria da Xunta. Máis de 5.000 persoas berraron contra a futura privatización de servizos e o peche de cinco centros hospitalarios que se farán oficiais cando, en 2015, se inaugure o novo hospital de Beade. 

O protesto puxo fin a unha folga de catro días e a varias semanas de mobilizacións, mostra do profundo descontento entre o persoal dos hospitais vigueses. “A xente ten que ser consciente de que a Xunta lle cedeu a construción e a xestión do centro a unha empresa privada e que o orzamento pasou de 400 a 1.300 millóns de euros, o que non impide que o novo hospital nacerá privatizado e con menos servizos”, asegurou o presidente da xunta de persoal, Manuel Moreira, da CIG. 

Consideran que as medidas propostas afectarán directamente á calidade asistencial da cidadanía, que xa soporta copagos e repagos, as listas de agarda máis longas de Galiza e a falta de inversión nos dous principais hospitais, Meixoeiro e Xeral.

A reforma afectará á calidade asistencial da cidadanía, din os sindicatos, que recordan os actuais copagos e repagos e a falta de inversión nos dous principais hospitais, Meixoeiro e Xeral.

En paralelo, advirten de que polo menos 400 postos de traballo públicos están en risco, así como da precarización das condicións laborais do persoal sanitario e, especialmente, dos servizos de mantemento, limpeza ou cociña, que pasarían a mans de concesionarias privadas.

Na marcha, que saiu do Xeral e rematou na Porta do Sol, participaron os sindicatos CCOO, CIG, UGT, CSI-F, CESM, SAE e Satse, que contaron co apoio político de BNG e EU.

Apupos para Caballero

Tamén fixo acto de presenza cara ao final o alcalde Abel Caballero, acompañado polos concelleiros Santos Héctor e o imputado Ángel Rivas, co que evitaba fotografarse até hai pouco. O rexedor recibiu berros en sinal de protesta pola actual polémica da rotonda de Coia.