10:17 h. viernes, 29 de marzo de 2024

PROBLEMAS NOS HORARIOS E NO PREZO DO VITRASA

O novo curso universitario enceta cos mesmos problemas de transporte até o CUVI

Redacción | @VigoDixital  |  10 de septiembre de 2014 (12:27 h.)
vitrasa

A pesar das lixeiras melloras acadadas polo estudantado o pasado curso, a concesionaria do servizo público de transporte, Vitrasa, continúa ofrecendo un servizo precario e caro para desprazarse até o campus universitario

 

A localización e comunicación do complexo universitario de Vigo (CUVI) é unha das recorrentes queixas do estudantado da cidade olívica. Son aproximadamente 15  os quilómetros que os separan da cidade. Unha distancia que só se pode salvar optando por facer uso do transporte urbano, empregaren un vehículo propio ou, para as persoas máis atrevidas, a bicicleta.

Tendo en conta o contexto socioeconómico e a realidade da xuventude actual, o medio máis empregado na rutina diaria das estudantes é o autobús. Mais o servizo ofrecido pola concesionaria Vitrasa é unha fonte de problemas que, ano tras ano, recibe numerosas queixas por parte das organizacións estudantís e as delegacións do alumnado. Un servizo insuficiente e de alto custo que acrecenta as problemáticas da comunidade universitaria.

O quilómetro de transporte de Vigo ao CUVI é máis caro que desde Pontevedra

Entre as eivas existentes o estudantando salienta o problema dos horarios ofrecidos, xa que non se adaptan aos das aulas universitarias, ou a supresión das lanzadeiras (U1 e U2) antes de que remate o período lectivo. En declaracións a VIGO dixital,  o responsábel nacional dos Comités, Brais Fortes, xulgaba que “é ilóxico que fóra das horas punta, teñamos que ir nun bus que chega con vinte minutos de adianto sobre a hora de clase”.

Fortes, tamén destacou o problema que supón para o colectivo estudantil o prezo do bus en Vigo, incluso coa tarxeta universitaria coa que pagan 0,65€ cada viaxe. “Como mínimo temos que gastar 1,30€ ao día para asistirmos a clase. Se nos poñemos a facer contas, até é máis barato o transporte Pontevedra-CUVI que o de Vitrasa, Vigo-CUVI, falando de prezo por quilómetro” enfatizou. Así pois, apuntaba a necesidade de que Universidade e Concello, traballen por reducir o prezo do bono universitario e incluso “aparezan axudas propias de transporte ao campus”.

“Non pode ser que unicamente haxa lanzadeiras cando vai haber ganancias. Falamos de Vitrasa como servizo ou como negocio?” interrogouse o líder estudantil,  facendo pública unha opinión estendida entre o estudantando do campus vigués.