00:14 h. viernes, 26 de abril de 2024

A PAH alerta do aumento de desafiuzamentos polo fin do plan Aluga da Xunta

Redacción | @VigoDixital  |  08 de septiembre de 2014 (16:22 h.)
Vista da asemblea da PAH

A plataforma prepara unha concentración fronte á Xunta pola retirada do programa que permitía a miles de persoas afrontar o pago da súa vivenda

 

A PAH Vigo-Tui reiniciou a súa actividade logo dun pequeno parón durante o verán. “Estábamos exhaustos logo de tres anos e medio de traballo. Non deixamos de levar os casos, pero si fixemos un respiro nas xuntazas”, explica a súa voceira, Carlota Pérez. Este sábado pasado volvéronse reunir nunha asemblea onde chegaron “moitos novos casos de posíbeis desafiuzamentos, especialmente polo fin do plan Aluga”. 

A suspensión do programa Aluga chega no peor momento, advirten.

Pérez considera que a Xunta deu por finalizado o programa, logo de cinco anos en marcha, no peor momento. “A decisión afecta a persoas que xa estaban moi tocadas, nunha situación de extrema necesidade. Non poden facer fronte ao pago da súa vivenda pero tampouco teñen medios para subsistir”.

Por iso, a PAH prepara unha concentración fronte á delegación da Xunta en Vigo “en dúas semanas aproximadamente” para esixir o restablecemento do programa. Advirte de que o número de casos que se achegan a plataforma segue crecendo cada semana. “Os teléfonos seguen soando e aínda hai xente que ven con moito medo e vergoña”, asegura. A voceira da plataforma mostrouse porén contenta pola resposta da cidadanía nesta primeira asemblea de setembro.

“A xente volveu coas forzas recargadas para afrontar os novos retos que veñen por diante” manifesta en declaracións a este diario. Resalta ademais ás últimas sentenzas favorábeis para as execucións hipotecarias, con dacións en pagos ou acordos coas entidades bancarias, que agarda senten precedente.