00:12 h. Lúns, 21 de Agosto de 2017

Vigo Dixital

SOCIAL

As persoas desempregadas sen ingresos seguirán tendo que pagar o autobús

O goberno municipal négase por segundo ano consecutivo a executar o acordo do pleno, a proposta do BNG, para crear un bono gratuíto para o colectivo, como o que desfrutan os e as pensionistas.

Redacción | @VigoDixital  |  02 de Decembro de 2014 (13:17 h.)
Máis accións:

A pesar de que no pleno de onte prosperou unha moción do BNG instando a creación dun bono gratuíto para as persoas desempregadas de longa duración que teñan ingresos por baixo do salario mínimo, o acordo non se fará realidade. O ano pasado aprobábase unha moción semellante, tamén impulsada polo grupo municipal nacionalista. Daquela, a pesar do voto a prol dos e das edís do PSOE, o Goberno local anunciaba no propio Pleno que non  ían executar o acordo, alegando non poder asumir o custe que suporía. Desta volta, o grupo socialista optou por se abster, e a moción ficou aprobada cos votos do BNG e o grupo popular. 

É o segundo ano consecutivo que o Goberno local rexeita esta medida social, xustificada polo actual contexto de grave crise e destinada a permitir o uso do transporte urbano a persoas que carecendo de emprego apenas contan con ingresos. O concelleiro de mobilidade, David Regades, defendeu a posición do Goberno limitándose a poñer en valor os restantes bonos existentes. 

Un pensionista que ingrese 645€ ao mes viaxa de balde, pero unha parada sen ingresos ten que pagar 0,86€ por viaxe

Coa actual oferta de bonos dáse a casualidade de que un pensionista que ingrese até 645€ mensuais pode viaxar no autobús de balde. Porén, unha persoa desempregada sen ingresos de ningún tipo terá que  abonar como mínimo os 0,86€ da tarxeta verde normal, como calquera outro cidadán ou cidadá. 

Só merecen dun desconto especial os e as paradas que perciban o subsidio por desemprego ou a renda activa de inserción (426€), a quen cada viaxe lles custa 0,66€ por medio dunha tarxeta social. Un céntimo máis caro que o que paga o estudantado universitario.

A moción aprobada instaba tamén á conxelación das restantes tarifas e bonos para o vindeiro ano, medida que o Goberno local si se amosou disposto a cumprir. Ademais, solicitouse a realización dunha auditoría externa do servizo que presta a concesionaria Vitrasa, “para coñecer os datos reais” explicou a voceira nacionalista Iolanda Veloso, e revisión do mapa de liñas para solucionar as numerosas eivas detectadas logo da última reforma.