20:12 h. viernes, 19 de abril de 2024

POLÉMICO MEGACENTRO COMERCIAL

Porto Cabral: Eurofund agarda, o Concello cala e a veciñanza continúa indignada

Redacción | @VigoDixital  |  07 de octubre de 2014 (12:33 h.)
Manifestación dos comuneiros contra Porto Cabral

A oposición ao proxecto denuncia que, malia a aparente parálise, o plan segue en marcha coa complicidade da directiva da Comunidade de Montes de Cabral, que acusan de corrupta.

Cabral vive dividido desde que o proxecto de Porto Cabral saiu á luz. A vitoria dos comuneiros opositores provocou un cisma entre a veciñanza e a xunta reitora da Comunidade de Montes, acurralada por varias causas xudiciais e por denuncias de nepotismo, e que mantén o seu apoio á construcción do megacentro comercial, promovido pola empresa Eurofund, nos terreos de Liñeiriños.

Porto Cabral encóntrase hoxe varado nas oficinas municipais de Urbanismo e ambas as partes agardan a que o Concello se pronuncie. Fontes de Eurofund consultadas por VIGO dixital móstranse tranquilas ante o compromiso do PSOE e o PP, garantía de que sairá adiante. Agardan a que o Goberno municipal expropie e poña os terreos de monte comunal a concurso, como xa anunciou.

“O Concello vai sacar un concurso que xa ten adxudicado”, denuncian entre a veciñanza de Cabral. Porén, desde Eurofund aluden a que o PXOM contempla os terreos para fins comerciais e rexeitan cambios de ubicación, como a proposta recente do concello de Mos, pese a aparente parálise no plan. “Respetamos a opinión dos comuneiros pero o proxecto segue adiante”.

‘Pucheirazos’ e liortas nas asambleas

Dos e das 700 comuneiras, algo máis da metade se sumaron a oposición contra unha xunta reitora que acusan de corrupta.

Para Fernando Molares, portavoz dos e das comuneiras que se opoñen a Porto Cabral, este tema marcou un punto de inflexión na parroquia viguesa. Desde abril de 2013, a primeira asamblea onde se discutiu, non se chegou ao remate de ningunha xuntanza. Calcula que dos e das 700 comuneiras, algo máis da metade se sumaron a oposición contra unha xunta reitora que acusan de corrupta e de defender intereses particulares.

O 1 de decembro denunciaron o intento de ‘pucheirazo’ na votación das contas da Comunidade de Montes. Máis unha vez, armouse unha “liorta” porque --din os opositores-- trataron de amañar o reconto feito a man alzada. Meses despois, a última asamblea xeral rematou tamén suspendida logo doutro suposto intento de manipulación do resultado. “Foi un escándalo. Como viron que perdían decidiron suspendela”, di Molares.

Un novo proxecto sen presuposto

Por esa razón, os presupostos para 2014 inda non están aprobados. Razón que non impediu á xunta reitora iniciar a construcción dun sendeiro polo río Lagares en Cabral, valorado en máis dun millón de euros. O proxecto non foi presentado diante das persoas que integran a comunidade de montes, que se enteraron tarde polo Boletín Oficial de Pontevedra. 

O Concello non pode asumir o mantemento do paseo do Lagares, iniciado pola directiva de Cabral sen aprobación, porque non é terreo público.

“A súa é unha política de feitos consumados”, denuncia Molares, porque xa se construiron os primeiros 400 metros e as persoas afectadas non foron avisadas. Non ten nin a licenza municipal, para a cal se esixe o consentimento das persoas propietarias. E a concelleira de Medio Ambiente, Chus Lago, advertiu de que o Concello non pode asumir o mantemento do paseo porque non é terreo público. “Unha hipoteca de por vida para a comunidade”, consideran os opositores.

Recordan que non é a primeira vez que a xunta reitora xoga ao ocultismo. Con Porto Cabral tiveron que enterarse pola prensa. De feito, aseguran, esa é a forma de actuar da directiva dende que en 2012 recibiron 7,2 millóns de euros de Aena pola ampliación de Peinador. 

Catro causas abertas nos xulgados

Unhas actitude pola que a xunta reitora e o seu presidente, Luis Rodríguez, manteñen catro causas abertas nos xulgados. Entre elas, a imputación de apropiación indebida e xestión desleal para Rodríguez e a acusación de falsear a aprobación das contas na asamblea do 1 de xuño. 

"Non queren falar con nós e se lles pides algo te din que vaias aos xulgados", aseguran os opositores.

Aseguran que a directiva rexeita reunirse con eles sistemáticamente e néganse a recibir a documentación e solicitudes que lles remiten. “Temos que tramitalas ante notario para que quede constancia. Non queren falar con nós e se lles pides algo te din que vaias aos xulgados”, conta. “Non lles importa porque gastan os cartos da comunidade, pero nós tivemos que pagar polo momento 18.000 euros que recolectamos entre a veciñanza. Podíase evitar se nos responderan, pero oblígannos coa súa actitude. Prefiren gañar tempo até a elección da nova xunta reitora en maio”.