00:37 h. martes, 19 de marzo de 2024

O PP veta por segunda vez ampliar a protección social das persoas enfermas
de cancro

Redacción | @VigoDixital  |  09 de octubre de 2014 (16:19 h.)
Mariano Rajoy [Imaxe: pp.es]

A maioría absoluta dos populares no Congreso bota abaixo a proposición de lei presentada polo BNG e apoiada por todos os demais grupos. 

Sucedeu o 24 abril na comisión de emprego e seguridade social e volveu acontecer no pleno do Congreso dos Deputados do pasado martes. O Partido Popular vetou co seu voto negativo a proposición de lei presentada polo BNG, a partir da iniciativa cidadá promovida pola viguesa Beatriz Figueroa, na que se demandaba que a Seguridade Social mellore a “cobertura” das persoas enfermas de cancro. Todos os demais grupos votaron a prol.

Durante a súa intervención na cámara a deputada nacionalista, Olaia Fernández Davila, sostivo que o medio millón de sinaturas recollidas convertían, de feito, a súa proposición nunha iniciativa lexislativa popular. Davila denunciou a grave inxustiza que na súa opinión supón que ““persoas que cotizaron e contribuíron durante moitos anos á Seguridade Social pero que en momentos de serios problemas de saúde, incapacitados polos tratamentos para o cancro, apenas perciben pequenas axudas asistenciais. Situación que afecta a miles de persoas como a Señora Figueroa”.

O BNG propuña reformar a Lei de Seguridade Social para que as persoas enfermas de cancro obteñan a incapacidade permanente

A voceira do Bloque no Congreso apostou por reformar a Lei de Seguridade Social, modificando a cualificación da incapacidade permanente, para que nela se inclúan as persoas enfermas de cancro unha vez esgoten outras prestacións ou a incapacidade temporal.

A este respecto puxo de relevo as moitas dificultades que teñen as persoas enfermas de cancro para manteren a súa actividade laboral, o que en moitos casos provoca a fin das contratacións”. Unha situación que é inda pior para as persoas desempregadas “moitas veces abocadas ao desemprego asistencial”.

Mobilizacións a final de mes

Ante a negativa reiterada do Partido Popular, desde a campaña impulsada por Beatriz Figueroa estase a traballar para convocar unha acción de protesta. A mesma, segundo puido saber VIGO dixital, tería lugar a finais deste mes de outubro coincidindo coa celebración do xuízo no que se resolverá se lle corresponde a incapacidade permanente que solicitou Figueroa. Todo apunta a que a convocatoria contará co apoio das tres principais sindicais.