14:00 h. viernes, 29 de marzo de 2024

Un preso da Lama, en folga de fame para denunciar torturas e malos tratos

Redacción | @VigoDixital  |  11 de septiembre de 2014 (01:48 h.)
A Lama

A Asemblea de Familiares e Amigxs das Persoas Presas recolle o caso de E.S.P, que acusa de connivencia e ineficacia aos servicios médicos e institucións 

Un preso do cárcere da Lama comezou o pasado 14 de agosto unha folga de fame indefinida como protesta polas torturas e malos tratos no penal pontevedrés. E.S.P, preso común interno desde hai dez anos, “decidiu esta radical e última forma de protesta farto de ver e padecer a brutalidade do sistema penitenciario, logo de ser sancionado e comprobar as torturas a outros presos”, denuncian dende a Asemblea de Familiares e Amigxs das Persoas Presas.

Aseguran no seu blogue que as torturas e os malos tratos son habituais, especialmente no Búnker, como coñecen ao módulo de illamento. “Coaccións ilegais como a intervención sistemática do correo, incomunicar ao preso coa súa contorna social ou as contínuas ameazas con sancións”, son algúns dos exemplos que documentan. 

Denuncian que se practica a represión contra quen se revolve contra as "inxustizas" que se comenten, segundo aseguran, no penal

A Asemblea de Familiares acusa de connivencia ao servizo sanitario do cárcere pontevedrés. Nalgúns casos, denuncian, deixan sen medicinas ou teñen un trato pouco humano como forma de sanción encuberta. Ademais, apuntan á pasividade das institucións públicas e a falta de garantías xudiciais ante os dereitos das persoas presas, cuxas denuncian acaban arquivadas. 

Unha situación que se agrava no caso de presos activistas, como o de E.S.P, integrante da campaña Cárcere=Tortura. Alongamentos de condeas, dificultades para obter beneficios penitenciarios e cadeas perpetuas encubertas como “represión cara todos aqueles que denuncian as inxustizas dentro dos cárceres”. A E.S.P réstanlle dous anos de presidio e non obtivo na última década nin permisos nin accedeu ao segundo grao.