10:17 h. viernes, 29 de marzo de 2024

CHAMAN A BOICOTAR OS PRODUTOS PROCEDENTES DE ISRAEL

Recollida de material sanitario para axudar á poboación palestiniana en Gaza

Redacción | @VigoDixital  |  02 de septiembre de 2014 (11:10 h.)
A ofensiva militar israelí provocou máis de 2000 mortes, 10.000 feridos e sementou a destrución

O BNG promove unha campaña solidaria con Palestina. En Vigo a recollida de medicamentos, gasas ou leite, para o seu envío á faixa de Gaza farase na sede da fronte nacionalista até o 10 de setembro.

No primeiro día de curso político o BNG conxuntamente coa Asociación galaico-árabe Yenin-comunidade palestina e a Fundación Araguaney, animaron a toda a sociedade viguesa a participar na campaña “Galiza con Gaza, mobilízate pola reconstrución e contra a agresión ao pobo palestino”, chamando a entregar material sanitario. 

Entre os produtos necesarios indican vendas, gasas, elementos para sutura e curas, material protésico, antibióticos, analxésicos, betadine, esparadrapo, luvas estériles, cueiros e leite en po, que serán enviados á faixa de  Gaza. A recollida farase até o vindeiro 10 de setembro na sede comarcal do BNG, na rúa Celso Emilio Ferreiro 3 baixo, en horario de 10 a 14h e de 17 a 20h. 

Solidariedade fronte a destrución

A última agresión militar do  Estado de Israel contra a poboación palestiniana na faixa de Gaza resultou en máis de 2.000 persoas asasinadas. O número de persoas feridas superou as 10.000. Para alén do máis, os bombardeos da aviación israelita provocou a destrución de 200 escolas, 15 hospitais e 17.000 vivendas, que deixaron sen fogar a 100.000 persoas, amais da única planta enerxética na zona. 

A súa reconstrución está estimada nun custe de entre 3.000 e  4.000 millóns de euros, segundo cálculos das ONGs con presenza na faixa. As estimacións apuntan a que serán precisos até 20 anos de traballos para reconstruír o que os bombardeos destruíron en apenas dous meses

Boicot aos produtos sionistas 

Para expresar o rexeitamento contra as sucesivas agresións promovidas polo sionismo, o BNG súmase á campaña social polo boicot a Israel chamando a non mercar aqueles produtos que teñan etiquetas procedentes daquel país, como son todas as que comezan cos números 729. A fronte nacionalista desenvolverá tamén unha campaña axitativa nas rúas e nas redes sociais para expresaren “a solidariedade co pobo palestiniano e denunciar o masacre do que é vítima por parte de Israel”. 

“Palestina só precisa que se cumpra o seu dereito á autodeterminación e ao retorno despois da ocupación ilegal de territorios gañados, unha e outra vez, nunha prolongada guerra de agresión”, recollése no material divulgativo do BNG. “Con todo, o pobo palestino resiste e é moi importante que continúen o compromiso e a denuncia internacionais, ao tempo que precisa toda a nosa axuda para reconstruír as consecuencias da barbarie” acrecentan.