02:28 h. martes, 19 de marzo de 2024

SANIDADE PÚBLICA

As rúas de Vigo albergarán hoxe unha manifestación por un novo hospital completamente público “sen recortes”

Redacción | @VigoDixital  |  09 de octubre de 2014 (15:36 h.)
Novo Hospital de Vigo [Imaxe: SERGAS]

A Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo convoca para esta tarde ás 20h máis unha mobilización que partirá desde o Hospital Xeral.

Reclamaren información sobre o proxecto do novo hospital para Vigo e rexeitaren a “política de privatizacións do Goberno do PP”. Eses son os dous obxectivos cos que a Xunta de Persoal do Chuvi convoca unha nova manifestación, que partirá ás 20h de hoxe, día 9, desde o Hospital Xeral de Vigo.

A convocatoria conta co apoio unánime de todos os sindicatos. CCOO, CESM-OMEGA, CIG, CSIF, SAE, UGT e SATSE alertan de que a área sanitaria viguesa “está a servir de experimento da Xunta á hora de aplicar os recortes en materia de saúde”. Neste senso apuntan ao feito de que a redución do cadro de persoal nun 14% fixo que as listas de agarda atinxan a máis de 20.000 persoas. 

A falla de información sobre o proxecto do hospital é total. As organizacións sindicais queren coñecer que plans ten o SERGAS a respecto dos servizos non sanitarios, como lavandería, cociña ou mantemento, que inicialmente van ser privatizados pero para os que non se fixa obriga de subrogación do persoal. ““Comezan por privatizar estes servizos, entregándolle 50 millóns anuais a unha empresa, pero detrás vén o resto”.

Apoio de SOS Sanidade Pública

SOS Sanidade Pública fixo un chamamento público á veciñanza de Vigo para que secunde a mobilización promovida polo persoal sanitario e apoiada por todos os sindicatos. 

A plataforma defende, nun comunicado, que é precisa unha “resposta baseada na unidade social e profesional” para enfrontar a “intención do Goberno da Xunta do Sr. Feijóo de desmantelar e privatizar a sanidade pública de Vigo.