00:36 h. martes, 19 de marzo de 2024

Sinaturas contra a privatización da atención ás persoas discapacitadas

Redacción | @VigoDixital  |  06 de octubre de 2014 (14:53 h.)
Manifestación contra o traslado do San Francisco (Foto:CIG)

Familiares e persoal inician unha campaña para frear o traslado a un centro privado das 73 persoas usuarias do histórico San Francisco en Vigo.

Medio século de traballo sen ánimo de lucro coas persoas discapacitadas en Vigo que a Xunta quere privatizar. As familias das 73 persoas con discapacidade intelectual que reciben atención no centro San Francisco iniciaron unha campaña de apoio contra a decisión que os obriga a trasladarse a un novo centro en Mos, xestionado pola empresa Doral Residencias. 

A medida provocou un amplo rexeitamento social, que quedou patente coa recollida de sinaturas na plataforma Change, que en apenas días acumula xa máis de 20.000. Ou coa manifestación da pasada semana polas rúas de Vigo, onde máis de 1.500 de persoas protestaron polo traslado do servizo.

Denuncian que o desprazamento a outra localidade, o cambio de coidadores e a privatización do servizo empeorará as condicións dos seus fillos e fillas.

A Asociación Galega San Francisco, a entidade formada por nais e pais que xestiona historicamente o centro, desconfía do cambio. Denuncian que o desprazamento a outra localidade, o cambio de coidadores e a privatización do servizo empeorará as condicións dos seus fillos e fillas.

“Para algunhas de estas persoas con discapacidade intelectual, que levan cerca de 40 anos residindo na nosa asociación, suporía un verdadeiro drama familiar e persoal ter que cambiar de residencia e renunciar ao seu entorno e persoas de referencia”, aseguran no escrito da recollida de sinaturas. As propias persoas usuarias piden que se lles escoite e se teñan en conta as súas preferencias.

O colectivo conta co respaldo do Movemento de Familias de persoas con discapacidade intelectual de Galicia, que esixe á Xunta para que de marcha atrás. Consideran un atropelo que se traspase un servizo que funciona ben en mans dos propios familiares a “empresas con ánimo de lucro que queren aproveitarse e apropiarse do traballo” que se vén realizando durante 50 anos.