18:58 h. jueves, 28 de marzo de 2024

CONVIVIO E REIVINDICACIÓN

Teis celebra hoxe a súa Festa Veciñal a pesar dos atrancos do Concello

Redacción | @VigoDixital  |  21 de septiembre de 2014 (10:00 h.)

Este domingo, no IES de Teis, terá lugar a IX edición do evento anual que organiza a AV de Teis. Entre as actividades inclúese a proxección do vídeo coas "inxurias e calumnias" que, segundo denuncian, proferiu o Alcalde contra o colectivo veciñal.

Este domingo día 21 celebrarase a novena edición da Festa  Veciñal que con carácter anual organiza a Asociación Veciñal de Teis. Unha xornada destinada ao convivio entre a veciñanza do barrio e para dar a coñecer as actividades que promove a asociación. O programa inclúe as actuacións da Banda de Música da UVCD de Candeán, do grupo de gaitas de Coruxo, do grupo de acordeóns do CVC de Valladares e o Orfeón mariñeiro do Berbés. Ademais, a cativada disporá durante toda a tarde de inchábeis e obradoiros infantís.

As actividades previstas que se realizarán ao longo de toda a xornada terán lugar nas instalacións do IES de Teis, logo de que o Concello de Vigo denegase ao colectivo veciñal o uso do auditorio do Centro Cívico de Teis, unha instalación municipal que si puideron empregar en todas as edicións anteriores. Unha negativa que desde a directiva da asociación veciñal interpretan como un intento de "impedir a celebración" da súa festa anual, e que se produce logo da súa expulsión do Cívico.

Proxectarán as "inxurias e calumnias" de Caballero

O conflito aberto entre a asociación e o Goberno municipal, desatado polas reivindicacións do colectivo veciñal e das súas críticas cara a xestión do executivo socialista, estará presente na festa. 

Ás 17:30h está prevista a proxección do vídeo [pode ollarse aquí] no que se recollen as graves acusacións lanzadas polo Alcalde, Abel  Caballero, contra a directiva da asociación, nas que asegurou que demandaban os 55.000€ do convenio anual para a xestión do Centro Cívico para o dedicaren a "asuntos particulares". Declaracións que lle valeron ao rexedor unha demanda pola que terá que comparecer no xulgado o próximo 8 de outubro