00:04 h. viernes, 19 de abril de 2024

ÉBOLA

"Todas somos Teresa": O persoal sanitario exixe no Meixoeiro a demisión de Mato e Mosquera

Redacción | @VigoDixital  |  13 de octubre de 2014 (16:32 h.)

Unha concentración no Hospital do Meixoeiro denunciou a incompetencia de Ministerio e Consellaría e a falla de medios e formación para facer fronte ao ébola en Galiza. [Vídeo no interior]

 

 

Esta mañá sucedéronse as mobilizacións e mostras de apoio con Teresa Romero, a enfermeira contaxiada de ébola por participar no tratamento dos enfermos repatriados. Ao berro de “todos somos Teresa” e “hai culpábeis, non é Teresa”, varios centenares de persoas, entre profesionais da saúde, pacientes e familias, exixiron no hall do Hospital do Meixoeiro a demisión das máximas responsábeis en materia sanitaria a nivel de Estado e da Xunta.

"O Goberno dá máis medo que o ébola" denuncia o persoal sanitario

O reclamo de demisión para as populares Ana Mato e Rocío Mosquera, está motivado na “incompetencia” demostrada polo Ministerio e a Consellaría no que ten a ver co operativo sanitario para enfrontar casos de ébola. “O Goberno dá máis medo que o ébola” resumían moi graficamente as máis de dúas centas persoas que se concentraron no Hospital do Meixoeiro. 

O Meixoeiro vén de se designado centro de referencia para todos os posíbeis casos de ébola que se rexistren en Galiza. Unha decisión fortemente discutida polo persoal sanitario que insiste en denunciar a falla de formación específica e dos medios precisos para asumiren esa tarefa.

Protestos semellantes desenvolvéronse tamén noutros hospitais e centros de saúde do noso país, facendo da solidariedade e do apoio a Teresa o seu denominador común.

[Imaxe da capa: CIG]