00:36 h. martes, 19 de marzo de 2024

CRISE SANITARIA

Vigo non está preparada para atender casos de ébola

Redacción | @VigoDixital  |  10 de octubre de 2014 (17:41 h.)
[Imaxe: Telecinco.es]

Sindicatos denuncian a falla de formación específica do persoal e de medios para que o Hospital do Meixoeiro poida funcionar como centro de referencia para todos os casos que se produzan en Galiza. 

O Hospital do Meixoeiro foi designado pola Consellaría de Sanidade como o centro de referencia no que se atenderán todos os posíbeis casos de persoas enfermas de ébola en Galiza. Desde o momento en que se anunciou esa decisión, non cesan as continúas alertas e advertencias que sinalan que o centro hospitalario vigués non está preparado para afrontar esa tarefa.

“É un virus de nivel catro, non é ningunha broma” alerta a Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo

Nese sentido se expresou a Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo, denunciando que o persoal sanitario non dispón dos medios nin da formación específica necesaria para atender unha doenza tan grave. “É un virus de nivel catro, non é ningunha broma” enfatizaban nun comunicado publicado hai poucos días. 

A Consellaría defendeu a escolla do Hospital do Meixoeiro como centro de referencia para todo o país, xa que o seu servizo de microbioloxía é desde o ano 2009 a referencia galega para a xestións das mostras asociadas coa gripe A, e o hospital dispón dunha zona de illamento de pacientes con acceso directo desde o exterior. Aliás, desde o SERGAS xustificaron esa medida polo feito de que o Porto de Vigo é desde marzo deste ano punto de entrada con “capacidade de atención de emerxencias sanitarias de saúde pública de importancia internacional”, por acordo do Consello de Ministros.

Unha charla dunha hora e un vídeo

A formación do persoal sanitario que podería verse na eventualidade de ter que atender un potencial caso de ébola limitouse, segundo a Xunta de Persoal, a unha charla “dunha hora”. Á mesma só terían asistido dúas enfermeiras da UCI, segundo apuntou o sindicato CCOO, a pesar de que todo o persoal do servizo (60 persoas) vai traballar na unidade do ébola por  non se ter creado unha equipa específica. O 061 galego non dispón tampouco da ambulancia asistencial equipada para o transporte das persoas contaxiadas, e o vehículo máis próximo está en Castela e León. 

Os traxes de protección do persoal sanitario, indispensábeis para evitar que se repita un contaxio como o da auxiliar Teresa Romero,  tampouco serían os axeitados pois son de nivel de protección dous, cando os expertos sinalan que deberan ser de nivel catro. 

Traballadores do Hospital Xeral demostraron nun vídeo que os traxes distribuídos polo SERGAS son permeábeis

De inda menor seguridade son os traxes distribuídos polo SERGAS noutros hospitais e centros de saúde, tal e como demostraron os traballadores do Hospital Xeral nun vídeo no que se pon en evidencia que os mesmos son permeábeis permitindo a absorción de líquidos. O ébola transmítese precisamente a través do contacto con fluídos. 

Desde CIG-Saúde lembran que a colocación e retirada do traxe exixiría, en opinión dos especialistas, dun adestramento de polo menos dúas semanas. Porén, o SERGAS non realizou ningún simulacro práctico, nin tan sequera no Hospital do Meixoeiro, limitándose a remitir un vídeo explicativo.

Hai críticas tamén á precipitación e improvisación na apertura da unidade específico para o tratamento de persoas enfermas de ébola no Meixoeiro. A este respecto a Xunta de Persoal fixo público que a mesma conta con só dúas camas, en lugar das catro previstas, e que as mesmas foron postas en funcionamento pouco antes dunha visita institucional da conselleira de sanidade.

Convocan unha concentración

Diante desta situación comezou a circular a través das redes sociais e servizos de mensaxería móbil unha convocatoria, sen asinante, para a realización dun concentración do persoal da UCI do Hospital do Meixoeiro. A mesma terá lugar ás 11h da mañá da próxima segunda feira.

Na mensaxe á que tivo acceso VIGO dixital explícase que “Nin nós, nin o hospital, estamos preparados para o ébola como queren facer crer á xente”. “Non temos os traxes axeitados, nin o habitáculo necesario” acrecentan, para logo pedir o máximo apoio “porque a nosa saúde e a vosa corre perigo”. “Que se enteren que non estamos preparados” conclúe o texto.