15:51 h. jueves, 28 de marzo de 2024

SANIDADE

A Xunta oculta os detalles do novo concerto con Povisa

Redacción | @VigoDixital  |  26 de septiembre de 2014 (15:17 h.)
Protesta do persoal en Povisa (Foto : CIG)

O Sergas vén de asinar un acordo polo pagará 750 millóns de euros ao hospital privado de Vigo na próxima década. O BNG exixe que se faga público porque sospeitan que a factura final será inda máis elevada.

Tres meses despois de aprobalo e case un mes despois da súa entrada en vigor, inda non se coñece o texto do novo concerto entre a Xunta e Povisa. Os detalles do acordo seguen a ser unha incógnita. Só se fixo público que o Sergas pagará como mínimo 75 millóns de euros ao hospital privado de Vigo durante os vindeiros dez anos, para atender a un máximo de 139.000 pacientes da área sanitaria da cidade. Uns 540 euros anuais por persoa.

A Xunta oculta polo momento se existen claúsulas que aumenten finalmente o importe e como afectará ao cadro de persoal e aos pacientes. Descoñécese se resolverá as longas listas de espera, as maiores de todo o servizo galego de saúde. Mais Povisa seguirá sendo centro de referencia en catro especialidades, o que lle permitirá aumentar esta factura con cada paciente de outra área sanitaria que atenda.

Nesta liña, o BNG presentou unha iniciativa parlamentar para que se faga público o documento. Preguntan se nos 75 millóns anuais do convenio se inclúen os servizos de referencia de queimados, maxilofacial, cirurxía de mans e o gasto farmaceútico ou, por contra, terá un custe adicional para as arcas públicas. 

O novo concerto con Povisa contrasta cos continuos recortes e problemas nos hospitais de Vigo

Consideran que tanto “oscurantismo” evidencia que “algo cheira a podre” no acordo. O grupo nacionalista pediu tamén que se revele se haberá compensación no caso de que Povisa teña menos pacientes dos esperados e se obligará ao hospital privado a cumplir as sentenzas xudiciais por despedimentos e incumpimentos laborais que acumula.

Para os traballadores e traballadoras da sanidade pública trátase dun novo paso  cara o desmantelamento do sistema público de saúde. O novo concerto con Povisa contrasta cos continuos recortes e problemas nos hospitais de Vigo. O Hospital Xeral encóntrase estos días colapsado nos servizos de urxencias e maternidade, mentres as obras de reforma do Meixoeiro se pospoñen outro inverno até que abra o Hospital de Beade, previsto para mediados de 2015.