10:17 h. viernes, 29 de marzo de 2024

O FECHAMENTO FOI AVANZANDO DE MANEIRA ENCUBERTA NOS ÚLTIMOS DÍAS

A Xunta pecha o centro de saúde de Beiramar un día despois de que o Pleno vote en contra

Redacción | @VigoDixital  |  05 de septiembre de 2014 (22:07 h.)
beiramar2

Case 17.000 vigueses e viguesas serán trasladados a partir de hoxe ao centro de saúde de Rosalía de Castro, o que máis persoas atende na cidade. O Pleno aprobou onte cos votos de BNG e PSOE unha moción reclamando o seu mantemento.

O traslado levaba varios días en marcha, aínda que o peche do centro de saúde de Beiramar estaba previsto para novembro. Pero o Servizo Galego de Saúde (Sergas) tiña outros plans e decidiu adiantalo a este venres, ocultándoo incluso ao propio pleno municipal e a pesar das fortes controversias que espertou a decisión nos últimos meses. 

Case 17.000 vigueses e viguesas veranse afectados a partir de hoxe pola medida da Xunta. Serán trasladados ao centro de saúde de Rosalía de Castro, o que máis persoas atende da área sanitaria da cidade. Sindicatos e colectivos sociais levaban meses protestando para evitalo porque, aseguran, a verdadeira intención do Sergas é unha vez máis aforrar custos grazas ao desmantelamento da atención primaria.

O peche de Beiramar aumentará a ratio de atención por riba dos 1.400 pacientes por médico actuais

Desde a CIG están convencidos ademais de que unha vez que os profesionais sanitarios sexan desprazados á nova ubicación “deixarán de cubrir as baixas que se produzan por xubilación, o que empeorará a calidade asistencial dun centro como o de Rosalía de Castro, xa de por si masificado”. Lembran así que o ratio de médico por paciente xa se atopa en máis de 1.400 pacientes por médico, cifra que se incrementará cos miles de persoas que atendían en Beiramar.

O Sergas leva semanas manobrando de forma encuberta para adiantar a data a pesar de que o pleno municipal aprobaba onte mesmo cos votos do  BNG e do PSOE unha iniciativa do para pedir o mantemento do centro. A noticia prodúcese días despois da tamén polémica prórroga do convenio co hospital privado Povisa e de que se pospoñan as urxentes obras de reforma do hospital Meixoeiro.

Estratexia privatizadora

O peche enmárcarse para os nacionalistas nunha estratexia global de privatización e recortes da Xunta. A apertura do novo hospital de Beade, previsto para 2015, provocará a reordenación de toda a área sanitaria viguesa, que conta coas maiores listas de espera de toda Galiza.

Este verán as consecuencias foron visíbeis co maior peche de camas da historia, máis de 230 en Vigo. Tamén coas protestas pola supresión do laboratorio central e polo peche de servizos no hospital Xeral.