00:26 h. martes, 23 de abril de 2024

Agosto non diminúe o desemprego en Vigo

Redacción | @VigoDixital  |  02 de septiembre de 2014 (15:03 h.)

O paro rexistrado eleva a 44.726 as persoas sen traballo na nosa comarca. Case o 70% do paro concéntrase no sector servizos e o 54% das persoas desempregadas son mulleres.

Os datos do paro rexistrado correspondentes ao mes de agosto revelan que, malia o efecto estacional que a tempada de verán acostuma ter no mercado laboral, o mes que vén de rematar non reduciu as cifras de desemprego. Arestora,31.618 persoas carecen dun posto de traballo na cidade de Vigo. Cifra que supón un moi lixeiro aumento do paro local en relación ao mes anterior, no que se rexistraran 33 desempregadas menos. 

O 54% das persoas sen emprego na nosa cidade son mulleres e son 1.641 os e as mozas menores de 25 anos que continúan á procura dunha oportunidade laboral. Por sectores a meirande parte do paro vigués concéntrase no sector servizos (21.307), que representa case o 70% do total, seguido da industria (4.528) e  a construción (2.602). Cómpre ter en conta que o devalo continuado nos últimos anos de crise das actividades industrias e das relacionadas coa construción, provocou xa anteriormente o traspaso dun número importante de traballadores e traballadoras ao sector servizos.

Máis paro na comarca, en Galiza e no Estado

A nivel comarcal o paro atinxe a 44.726 persoas. A bisbarra viguesa continúa a cabeza do desemprego en Galiza, totalizando case o mesmo número de desempregos e desempregadas que a suma das comarcas da Coruña e Ferrol-Terra xuntas.

No conxunto do país rexístrase unha redución en 3.340 persoas en relación ao mes de xullo. Con todo, en Galiza a práctica totalidade dos contratos asinados durante agosto foron temporais (67.919 face os 4.114 indefinidos) e o maior descenso do paro deuse no sector servizos, o que visaría que se trata dunha baixada conxuntural. A nivel de Estado o paro rexistrado elevou a 4.427.930 o número de persoas sen emprego.

Un indicador incompleto

Os datos do paro rexistrado recollen unicamente as persoas que carecendo de emprego fican rexistradas no SEPE como demandantes. Esta estatística non recolle, xa que logo, os e as paradas que non acoden ás oficinas de emprego, por exemplo o cada vez máis numeroso colectivo de persoas desempregadas sen dereito a prestación nin subsidio.

Fican tamén excluídas dos datos do paro quen inda ficando á procura dun traballo estea a recibir algunha acción formativa (cursos). Tampouco son desempregadas a estes efectos as persoas con traballos a tempo parcial, inda que só sexa con contratos por unhas poucas horas, nin se contabilizan aquelas persoas que tiveron que abandonar a cidade á procura dun emprego noutro lugar.