15:14 h. viernes, 29 de marzo de 2024

TRABALLO DECENTE

CCOO e UGT demandan ao Goberno español que cumpra o acordado no pacto social de xullo

Redacción | @VigoDixital  |  07 de octubre de 2014 (17:12 h.)
Concentración de CCOO e UGT ás portas da Xunta en Vigo [Imaxe: @UGTGalicia]

Realizaron ás 12h mañá unha concentración diante do edificio da Xunta de Galiza en Vigo, no marco da “Xornada Mundial polo Traballo Decente”.

Os sindicatos UGT e CCOO realizaron ás 12h mañá unha concentración diante do edificio da Xunta de Galiza en Vigo, no marco da “Xornada Mundial polo Traballo Decente”, baixo o lema “Emprego, protección social e dereitos”. “Traballo decente é emprego con dereitos, é salario digno, é protección social e tamén é o respecto polos dereitos de liberdade sindical e á negociación colectiva” explican no manifesto da convocatoria.

As dúas centrais sindicais focaron a convocatoria co obxectivo de “reforzar a esixencia de que o Goberno cumpra cos compromisos adquiridos cos interlocutores sociais o pasado 29 de xullo”. Desta maneira procuran o maior abrigo social ao pacto que subcribían nesa altura con Goberno e Patronal, e que polo momento non tivo tradución en medidas concretas, e que contou coa oposición doutros sindicatos como a CIG.

Criticaron o proxecto de orzamentos do Estado aprobado polo Partido Popular

Para alén de denunciaren a elevada taxa de desemprego, o aumento da temporalidade e a maior desprotección social, o texto do manifesto da convocatoria recollía críticas cara ao proxecto de orzamentos xerais do Estado que vén de aprobar o Partido Popular. Unhas contas que cualifican de “insostíbeis” e para as que demandan cambios nas partidas de “protección por desemprego, políticas activas, Fogasa, I+D+i, servizos públicos ou emprego público”.

Asemade, no protesto exixiron a retirada do artigo 315.3 do Código Penal, prometida por Alberto Ruíz Gallardón antes de renunciar como ministro de Xustiza, lembrando que a nivel de Estado hai máis de douscentos sindicalistas procesados “por exerceren a liberdade sindical e participaren en folgas e manifestacións”.