04:46 h. viernes, 29 de marzo de 2024

MÁIS DE DOUS MESES DE CONFLITO

Citroën négase a dialogar e a CIG advirte que loitará a readmisión de Paco e David até o final

Redacción | @VigoDixital  |  08 de septiembre de 2014 (10:52 h.)
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, participou na concentración da pasada sexta [Imaxe: CIG]

Malia a suspensión dos protestos a dirección de recursos humanos do grupo non quixo dialogar. A semana pasada reiniciáronse as mobilizacións para exixiren a readmisión dos despedidos. O Concello de Vigo négase a mediar por falla de "unidade sindical".

 

Expectativa frustrada. A mensaxe trasladada polo responsábel de recursos humanos do grupo  PSA Peugeot Citroën a respecto da posibilidade de iniciar un diálogo para resolver o conflito provocado tras o despedimento dos traballadores Francisco Alonso e David Álvarez, que se prolonga por máis de dous meses, ficou en nada desbaratando as esperanzas dunha solución.

O 27 de agosto, coincidindo coa manifestación de traballadoras e delegadas sindicais ás portas das dependencias da planta de Citroën en Madrid, onde está a sede da dirección de recursos humanos a nivel peninsular, a CIG anunciaba que suspendía temporalmente as mobilizacións, que levaba desenvolvendo de maneira practicamente ininterrompida desde o 1 de xullo, para reclamaren a readmisión de Paco e David.

Suso Seixo valorizou o "exemplo de dignididade obreira" desta loita laboral

A decisión do sindicato nacionalista era un xesto que apostaba polo diálogo, logo de que que desde a empresa se trasladase que a súa política "impide" manter interlocución algunha entrementres haxa protestos públicos. Un xesto que finalmente non foi correspondido pola dirección de Citroën, negándose a conversar e que obrigou o reinicio das mobilizacións a semana pasada.

Ante o encastelamento da dirección da factoría a CIG advertíu que manterán activa a loita. Neste sentido, o seu secretario xeral, Suso Seixo, que participou da concentración realizada a pasada sexta feira, enfatizou que a central está disposta a levar o conflito "até as últimas consecuencias". Seixo valorizou o "exemplo de dignidade obreira" que están a dar, na súa opinión, tanto o persoal afectado como as numerosas persoas que participan das mobiizacións, e agradeceu as numerosas mostras de apoio e solidariedade con Paco e David.

Os protestos volven esta cuarta feira (mércores), cunha nova concentración de 13 a 14h diante da fábrica, no polígono de Balaídos.

O Concello desenténdese por falla de "unidade sindical"

A pesar de que o acordo plenario do pasado 29 de xullo mandataba ao Alcalde -e Xunta- a intervir no conflito laboral, o Goberno local non ten feito ningunha xestión ao respecto nin ten previsto realizala.

Así se deduce da resposta do Concelleiro Carlos López Font á interpelación formulada no último pleno da semana pasada polo grupo municipal do BNG a este respecto. Font limitouse a sinalar que o Goberno local está a agardar a que se produza "unidad sindical" para mediar.

O Concello de Vigo subscrebe anualmente un convenio de colaboración co grupo PSA Peugeot Citröen, a quen subvenciona con 250.000€ dos orzamentos municipais. O Goberno municipal ten entre os seus membros a dous ex secretarios comarcais de UGT, Santos Hector, e CCOO, Manuel Fernández.