![O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, participou na concentración da pasada sexta [Imaxe: CIG]](/asset/thumbnail,768,432,center,center/media/vigodixital/images/2014/09/08/201409080849253469.jpg)
Malia a suspensión dos protestos a dirección de recursos humanos do grupo non quixo dialogar. A semana pasada reiniciáronse as mobilizacións para exixiren a readmisión dos despedidos. O Concello de Vigo négase a mediar por falla de "unidade sindical".
Expectativa frustrada. A mensaxe trasladada polo responsábel de recursos humanos do grupo PSA Peugeot Citroën a respecto da posibilidade de iniciar un diálogo para resolver o conflito provocado tras o despedimento dos traballadores Francisco Alonso e David Álvarez, que se prolonga por máis de dous meses, ficou en nada desbaratando as esperanzas dunha solución.
O 27 de agosto, coincidindo coa manifestación de traballadoras e delegadas sindicais ás portas das dependencias da planta de Citroën en Madrid, onde está a sede da dirección de recursos humanos a nivel peninsular, a CIG anunciaba que suspendía temporalmente as mobilizacións, que levaba desenvolvendo de maneira practicamente ininterrompida desde o 1 de xullo, para reclamaren a readmisión de Paco e David.
Suso Seixo valorizou o "exemplo de dignididade obreira" desta loita laboral
A decisión do sindicato nacionalista era un xesto que apostaba polo diálogo, logo de que que desde a empresa se trasladase que a súa política "impide" manter interlocución algunha entrementres haxa protestos públicos. Un xesto que finalmente non foi correspondido pola dirección de Citroën, negándose a conversar e que obrigou o reinicio das mobilizacións a semana pasada.
Ante o encastelamento da dirección da factoría a CIG advertíu que manterán activa a loita. Neste sentido, o seu secretario xeral, Suso Seixo, que participou da concentración realizada a pasada sexta feira, enfatizou que a central está disposta a levar o conflito "até as últimas consecuencias". Seixo valorizou o "exemplo de dignidade obreira" que están a dar, na súa opinión, tanto o persoal afectado como as numerosas persoas que participan das mobiizacións, e agradeceu as numerosas mostras de apoio e solidariedade con Paco e David.
Os protestos volven esta cuarta feira (mércores), cunha nova concentración de 13 a 14h diante da fábrica, no polígono de Balaídos.
O Concello desenténdese por falla de "unidade sindical"
A pesar de que o acordo plenario do pasado 29 de xullo mandataba ao Alcalde -e Xunta- a intervir no conflito laboral, o Goberno local non ten feito ningunha xestión ao respecto nin ten previsto realizala.
Así se deduce da resposta do Concelleiro Carlos López Font á interpelación formulada no último pleno da semana pasada polo grupo municipal do BNG a este respecto. Font limitouse a sinalar que o Goberno local está a agardar a que se produza "unidad sindical" para mediar.
O Concello de Vigo subscrebe anualmente un convenio de colaboración co grupo PSA Peugeot Citröen, a quen subvenciona con 250.000€ dos orzamentos municipais. O Goberno municipal ten entre os seus membros a dous ex secretarios comarcais de UGT, Santos Hector, e CCOO, Manuel Fernández.