13:07 h. jueves, 18 de abril de 2024

REFORMA FISCAL

"Co Partido Popular pagamos máis impostos"

Redacción | @VigoDixital  |  07 de octubre de 2014 (16:48 h.)

A CIG protesta diante da sede da Axencia Tributaria en Vigo contra a reforma fiscal. O secretario comarcal, Serafín Otero, exixiu ademais que o combate da pobreza sexa a primeira prioridade das administracións públicas. [Vídeo no interior]

[Vídeo: Avantar]

Arredor de 400 delegadas e delegados sindicais da CIG concentráronse esta mañá ás portas da delegación da Axencia Tributaria en Vigo, para rexeitaren a reforma fiscal que está a preparar o Goberno español. A acción desenvolveuse simultaneamente noutras oito cidade e grandes vilas de Galiza. "Co Partido Popular pagamos máis impostos" foi unha das consignas máis coreadas.

Suso Seixo reclamou un “modelo fiscal progresivo, máis xusto socialmente e ao servizo das clases traballadoras”

A central nacionalista rexeita esta nova reforma ao aseguraren que “prexudica a progresividade dos impostos”, ao aumentar o peso dos impostos indirectos sobre os directos e discrimina as rendas de traballo fronte os lucros do capital. 

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que participou do acto de Vigo, reclamou un “modelo fiscal progresivo, máis xusto socialmente e ao servizo das clases traballadoras”. Unha aposta que podería contribuír “a unha redistribución real da riqueza” e que garantiría ingresos suficientes ás administracións públicas para manteren e melloraren os servizos públicos e desenvolver políticas activas de creación de emprego.

Combater a pobreza e o empobrecemento

O prostesto foi precedido dunha asemblea a pé de rúa na Praza de América. Na mesma o secretario comarcal da central nacionalista, Serafín Otero, volveu denunciar a dramática situación social que se vive na bisbarra viguesa, da que dixo “ten efectos patentes nas clases populares”. 

Otero botou man dos principais indicadores para sinalar o vertixinoso aumento da exclusión social. Así, fixo referencia ás máis de 54.000 persoas que en Vigo viven por debaixo do limiar da pobreza, as 700 persoas que se “ven forzadas a acudir diariamente a comedores sociais”, aos centos que precisan da axuda dos bancos de alimentos ou as máis de 300 vigueses e viguesas “que carecen de teito”.  Cifras que na súa opinión “ilustran os extremos máis graves e preocupantes dunha situación que comeza a ser xeneralizada en Vigo e no conxunto de Galiza”. 

O máximo dirixente da CIG de Vigo cargou con dureza contra as políticas sociais de Xunta e Concello, das que asegurou “deixan no total abandono ás persoas que carecen dunha fonte de ingresos, ou que percibindo un salario ou prestación esta non lles permite subsistir”. Como exemplo citou os “intolerábeis” atrasos nas tramitación de axudas sociais tanto municipais como galegas. “Axudas miserentas, que ademais chegan tarde ou nunca acaban por chegar a quen as precisa con urxencia” enfatizou. En troca, defendeu que o “combate da pobreza e o empobrecemento” debe ser a primeira prioridade das administracións públicas.