07:16 h. Sábado, 22 de Xullo de 2017

Vigo Dixital

CONFLITO LABORAL

O comité de Povisa esixe á Xunta que deteña o ERE no hospital privado

Os sindicatos rexeitan novos despedimentos e rebaixas das condicións laborais no centro. Recordan que catro meses atrás a empresa renovou o concerto co Sergas e obtivo millonarios beneficios en 2014.

Redacción | @VigoDixital  |  19 de Xaneiro de 2015 (18:42 h.)
Máis accións:

Protesta do persoal en Povisa (Foto : CIG)
Protesta do persoal en Povisa (Foto : CIG)

Novo conflito laboral en Povisa. A empresa que xestiona o hospital privado anunciou un inminente ERE extintivo e rebaixas das condicións laborais. O comité de empresa esixiulle á Xunta a que intermedie nas negociacións, para frear os despedimentos, posto que catro meses atrás renovoulle o concerto, polo que obterá un mínimo de 72 millóns anuais durante a próxima década. 

Os sindicatos CIG, CGT, UGT e SPGS recordaron en nota de prensa que Povisa tivo beneficios por 11 millóns de euros en 2014, e ten pendente outros 19 por ingresar das arcas públicas. Por esa razón, rexeitaron o actual proceso que consideran “unha chantaxe coa que pretenden cargarse o actual convenio colectivo para que o novo persoal entre en peores condicións”.

O o concerto renovouse baixo o pretexto de garantir a estabilidade da empresa e sempre “vinculado á estabilidade dos postos de traballo”, asegura a CIG.

A secretaria nacional de sanidade da CIG, María Xosé Abuín, insistiu en que é responsabilidade da Xunta fiscalizar os cartos públicos, en relacións as declaracións do presidente, Alberto Núñez Feijoo, que se desmarcou da decisión de Povisa. Porén, o concerto renovouse baixo o pretexto de garantir a estabilidade da empresa e sempre “vinculado á estabilidade dos postos de traballo”, dixo Abuín.

Menos doentes pola precarización

Tamén CCOO pediu a intervención da Xunta, cualificando de innecesario e inxustificado o ERE. Criticaron que as doentes da pública que acuden ao hospital privado teñan unha peor atención, pola precaria situación do persoal.

Neste senso, o sindicato nacionalista sinalou que o anuncio de ERE prodúcese “a pesar de que o centro tivo redución de pacientes, pois segundo nos confirmaron a mediados de decembro solicitaran o cambio de hospital un total de 4500 persoas”, indicou Abuín. 

O anuncio chega un ano e medio despois do anterior conflito laboral do centro privado, que goza do maior concerto económico do estado español. A empresa tratou de impoñer un novo convenio colectivo, aproveitando a derogación da ultraactividade que o Tribunal Supremo vén de restituir.