00:00 h. miércoles, 24 de abril de 2024

TRANSPORTE

A compañía de autobuses Auto-Res deixa a Vigo sen despacho de billetes

Redacción | @VigoDixital  |  29 de septiembre de 2014 (10:00 h.)

CCOO denuncia que os despachos deixaron de funcionar o pasado 22 de setembro, obrigando aos e ás viaxeiras a retirar os billetes dunha máquina. A empresa despediu a seis traballadores e traballadoras.

A empresa de transporte Auto-Res, integrada no grupo Avanza, que asumía a conexión entre a nosa cidade e Madrid, vén de desmantelar o seu servizo de despacho de billetes. Ademais de na nosa cidade, o fechamento afecta tamén ás cidades de Pontevedra e Ourense. En Galiza esta medida supuxo o despedimento de seis traballadores e traballadoras. Para a retirada de billetes a empresa optou por colocar un dispositivo automático de venda.  Así o vén de denunciar a federación de Servizos á Cidadanía de CCOO-Galiza. O sindicato sinala que os despachos deixaron de funcionar o pasado 22 de setembro, obrigando aos e ás viaxeiras a retirar os billetes dunha máquina. 

CCOO denuncia tamén a "discriminación" que a empresa practica co persoal cesado, ao lle ofrecer indemnizacións de só 20 días por ano traballado, "mentres que no resto do Estado chegou aos 45 días". "Parece ser que para a empresa os empregado e empregadas de Galiza son de segunda categoría" acrecentan. No caso de que Auto-Res non rectifique elevando as indemnizacións o plantel ameaza con iniciar mobilizacións.

Amais dos despedimentos a dirección da empresa estaría a promover unha "modificación substancial" das condicións de traballo, que incluiría unha rebaixa salarial e cambios nas xornadas. Extremos que o persoal rexeita.