01:51 h. Lúns, 23 de Outubro de 2017

Vigo Dixital

DATOS DO PARO REXISTRADO

O desemprego en Vigo aumenta por segundo mes consecutivo

O paro rexistrado de setembro eleva a 31.638 as persoas sen emprego na cidade. O paro feminino é un 20% superior ao masculino. A nivel comarcal o desemprego atinxe a 44.599 persoas e en toda Galiza a 238.203.

Redacción | @VigoDixital  |  02 de Outubro de 2014 (20:02 h.)
Más acciones:

Os datos do paro rexistrado do mes de setembro recollen un novo aumento no desemprego. É o segundo mes consecutivo no que son máis as persoas á procura dun traballo na nosa cidade, logo de que o mes de agosto –malia que o período estival acostuma xerar emprego— rachase a tendencia de lixeiro descenso rexistrados iniciada en marzo deste ano e que se mantivo durante cinco meses.

A finais do mes pasado eran 31.638 os e as viguesas que figuraban inscritas nos servizos públicos de emprego como demandantes de emprego. Vinte máis que o mes anterior. Con todo, a cifra real sería superior dado que a estatística do paro rexistrado non contabiliza as persoas que non fiquen anotadas, as que estean a receber formación ou teñan empregos a tempo parcial inda que sexan por poucas horas. Como é obvio o dato non inclúe os milleiros de persoas, nomeadamente mocidade, que se viron forzadas a deslocarse a outros puntos de Galiza, do Estado ou marcharon ao estranxeiro ante a falla de oportunidades laborais.

O paro feminino é un 20% superior ao masculino

Por sectores é servizos onde se concentra o maior nivel de desemprego, con 21.403 parados e paradas, seguido da industria (4.504), construción (2.556) e sector primario (436). Son 2.739 as persoas que fican á procura do seu primeiro emprego.

O paro feminino é un 20% superior ao masculino, con 17.272 mulleres desempregadas fronte 14.366 homes. No conxunto da comarca o desemprego mantense en 44.599 persoas, a pesar de se producir lixeiros descensos en todos os concellos da bisbarra agás Vigo, Nigrán e Baiona.

Máis paro en Galiza

O 90% dos contratos asinados en setembro foron temporais

A nivel galego o paro continúa a medrar e atinxe a 238.203 persoas, 1.264 máis que en agosto. Practicamente a metade dos e das desempregadas en Galiza non perciben ningún tipo de prestación ou subsidio (112.547), o que as deixa en situación de desprotección e en claro risco de exclusión social.   

Ademais de se manter unha elevada taxa de paro, os datos de contratación amosan que máis do 90% dos  80.360 contratos laborais asinados no noso país o pasado setembro foron temporais.