09:57 h. miércoles, 24 de abril de 2024

Dous meses de loita en Citroën pola readmisión de Paco e David

Redacción | @VigoDixital  |  01 de septiembre de 2014 (10:00 h.)
Os traballadores despedidos Francisco Alonso e David Álvarez [Imaxe: CIG]

A dirección da empresa, malia mostrarse disposta a dialogar, rexeita a reincorporación dos despedidos. Repasamos as principais chaves do conflito após varias semanas de protestas.

 

A finais do mes de xuño a dirección da factoría que o grupo PSA Peugeot Citroën ten en Vigo comunicaba aos traballadores Francisco Alonso e  David Álvarez, o seu despedimento. Os empregados, que contaban con quince anos de experiencia na fábrica, non recibiran previamente ningún apercibimento ou sanción. Tampouco queixa algunha do seu desempeño profesional. 

O drástico cesamento de Paco e David constitúe un feito insólito, sen precedentes na factoría, asegura o persoal máis veterano. "Con esta decisión prívannos da nosa capacidade humana para nos equivocar" denunciaba Manuel Domínguez, secretario da sección sindical da CIG e responsábel nacional do sector da automoción no sindicato nacionalista. A causa argumentada pola empresa para o despedimento é un presunto incumprimento dun procedemento de seguridade, que os traballadores negan e que non tivo consecuencias en ningún dos vehículos producidos, aseguran.

24 días en folga de fame

Unha decisión drástica que por ameazar directamente o sustento de ambos os dous traballadores e das súas familias, merecía unha resposta igual de contundente. Así o entenderon desde a sección sindical da CIG, ao iniciar o pasado 1 de xullo unha folga de fame indefinida que mantiveron activa durante 24 xornadas. 

A empresa, polo momento, só lles ofrece unha indemnización de 45 días por ano traballado, que ambos os dous rexeitaron

Unha acción de protesta á que se lle engadiron concentracións diarias, de 13 a 14h diante das portas da fábrica, dúas manifestacións na cidade e unha campaña axitativa na rúa, co reparto de follas informativas e cartelería colada nas rúas de todo Vigo. Desta maneira para alén do reclamo da súa inmediata reincorporación, Paco e David pasaron a ser presentados como o exemplo concreto do "réxime de terror" e da crecente "represión laboral" que denuncian se está a viver na empresa. 

O 6 de agosto empresa e traballadores foron citados a compareceren no SMAC. Alí a dirección de Citroën rexeitou reincorporar a Paco e David, e limitouse a ofrecer  unha indemnización de 45 días de salario por ano traballado. A correspondete a un despedimento improcedente. Saída rexeitada polos despedidos que insisten en denunciar a inxustiza do seu cesamento. 

Silencio de Xunta e Concello

Malia que o Pleno do Concello de Vigo aprobara o 29 de xullo unha moción, promovida polo BNG, instando ao Alcalde e a Xunta de Galiza a implicarse no conflito exixindo a readmisión dos despedidos, un mes despois nin o Goberno municipal nin a administración autonómica fixeron nada para premer á dirección de PSA. 

O Concello de Vigo subvenciona con 250.000€ anuais a Citroën, e a Xunta deulle 11 millóns de euros só no ano 2012.

Así o denunciou a Unión Comarcal da CIG de Vigo, logo de reclamar a través de dúas cartas dirixidas a Abel Caballero e á  conselleira Beatriz Mato a súa intervención. Nas misivas a central nacionalista entende que ambas as dúas administracións non "poden ficar alleas a esta gravísima situación". Lembran que tanto Concello como Xunta teñen realizado "importantes achegas económicas ao grupo PSA Peugeot Citröen en forma de subvencións públicas". Subvencións que atinxirían os 250.000€ anuais no caso do Goberno local e de até 11 millóns -só durante 2012, con orixe en convenios subscritos por varios departamentos do Goberno galego coa transnacional gala.

Pasado fascista do director de RRHH

No desenvolvemento do conflito inscríbese tamén a denuncia do pasado fascista do que nesa altura era Director de Recursos Humanos da planta, recentemente trasladado de novo a Madrid. Cartaces nas rúas e imaxes nas redes sociais (como a que acompaña esta información na marxe dereita) lembraban que José Manuel Fernández Cedrón foi "Jefe Nacional" da estrutura xuvenil do "Movimiento Nacional" franquista, a Organización Juvenil Española (OJE), entre 1977 e 1978.

Apoio da Federación Sindical Mundial

A finais de xullo a Federación Sindical Mundial interviña no conflito remitindo unha durísima carta a Yann Martin, presidente da planta viguesa. Na mesma a FSM exixía a readmisión dos dous traballadores ao considerar o seu despedimento "ilegal", advertíndolle que "nin a máis sofisticada manipulación pode ocultar que a súa empresa somete a ritmos esgotadores e insportábeis aos nosos compañeiros".

Desta maneira a FSM facíase eco da denuncia  da CIG que inscribía os despedimentos de Paco e David nun contexto de represión para someter toda resistencia á " intensificación dos ritmos de traballo e a precarización das condicións laborais e salariais".

Solidariedade do celtismo

Mais as mostras de solidariedade non só chegaron do exterior. O domingo 24 de agosto, coincidindo co primeiro partido que disputaba o Celta en  Balaídos, tiña lugar unha concentración de apoio diante dos accesos á grada de Tribuna.

Aliás, promoveuse unha acción simbólica de protesta consistente en levar tachado ou tapado o logotipo de Citroën nas camisolas do clube, das que é patrocinador. 

Concentración en  Madrid

O pasado día 27 de agosto os protestos trasladáronse a Madrid. Alí tivo lugar unha concentración de delegados e delegadas da CIG, que foi acompañada por organizacións como o PCPE e a CGT, ás portas da dirección de recursos humanos para a península ibérica. 

Após esta acción, e logo de que a empresa manifestase a súa vontade de dialogar, a CIG-Citroën decidía suspender temporalmente as protestas, mais advertindo que no caso de que non se dea unha solución xusta estás reanudaranse con máis forza.