11:31 h. viernes, 29 de marzo de 2024

TRANSPARENCIA

EU propón que os sindicatos tutelen as contratacións de persoal do Concello

Redacción | @VigoDixital  |  08 de octubre de 2014 (22:57 h.)

Para o seu coordenador local, Rubén Pérez, o feito de que familiares de oito dos dez delegados de UGT no Comité de Empresa do Concello lograran empregarse no consistorio non é "coincidencia".

A denuncia de supostas irregularidades nos procesos de contratación de persoal público no Concello de Vigo, que cuestionan a “coincidencia” de que familiares de oito dos dez delegados que a UGT ten no Comité de Empresa do Concello lograsen empregarse no consistorio, levou a Esquerda Unida a reclamar que os sindicatos exerzan unha “auténtica tutela” dos mesmos, mais sen concretar baixo que fórmula concreta.

A iniciativa resulta ademais algo rechamante, dado que a sospeita de enchufismo apunta precisamente a unha sección sindical. Para o seu coordenador local, Rubén Pérez, a situación creada arredor dos representantes sindicais de UGT non se debe a “unha probabilidade  matemática nin estatística”. “Non é lotaría senón outra cousa” afirma Pérez nun comunicado. 

Entre as propostas de EU está que nos exames non se faga constar os datos persoais das persoas aspirantes, e que en troca a súa identificación se faga a través de “códigos numéricos auditados polo tribunal das oposicións”.