00:04 h. viernes, 19 de abril de 2024

CONFLITO LABORAL

Freiremar terá que readmitir as centos de persoas despedidas no ERE

Redacción | @VigoDixital  |  22 de octubre de 2014 (16:14 h.)
Protesto contra os despedimentos en Freiremar

A Audiencia Nacional declarou nulo o expediente, que deixou na rúa a 300 traballadores e traballadoras, porque a empresa actuou de “mala fe”.

O persoal de Freiremar respira tranquilo. Despois de meses de incerteza sobre o seu futuro, a xustiza deulles a razón. A Audiencia Nacional declarou nulo o ERE extintivo que supuxo o despedimento da práctica totalidade dos traballadores e traballadoras.

Foron máis de 300 persoas as que quedaron na rúa, un centenar delas en Galiza, que agora deberán ser readmitidas. Esa é a aspiración das persoas despedidas, inda que saben que será complicado. Freiremar liquidou a maioría dos seus centros de traballo e segue en concurso de acredores, segundo lembra a CIG.

Confían en que o administrador concursal cumpra a sentenza xudicial porque --aseguran-- a compañía é viábel. Agardan volver aos seus postos, mais non descartan ir alén contra a dirección da pesqueira. Estudan presentar agora unha demanda por xestión neglixente, como razón da quebra de Freiremar.

A sentenza valora que Freiremar ocultou información económica, deixando nunha “indefensión sindical absoluta” aos seus empregados e empregadas. 

A sentenza confirmou as denuncias do cadro de persoal.  O tribunal español asegura que as negociacións do expediente se levaron a cabo con “mala fe”, sen marxe de negociación para forzar o desacordo, e que a empresa ocultou información económica, deixando nunha “indefensión sindical absoluta” ao seu plantel.

As irregularidades no proceso, como dar seis días para formar unha comisión negociadora fronte aos 15 legais. A dirección de Freiremar terá cinco días para presentar un recurso de casación. Porén, os sindicatos ven difícil que poidan facelo porque “terá que depositar os salarios de tramitación de todo o cadro de persoal correspondentes a once meses”.