00:40 h. sábado, 20 de abril de 2024

CONDENADOS A 3 ANOS POR PARTICIPAREN DUN PIQUETE INFORMATIVO

A petición de indulto para Carlos e Serafín volverá facerse clamor nas rúas de Vigo

Redacción | @VigoDixital  |  11 de septiembre de 2014 (10:52 h.)
Vista dunha das mobilizacións anteriores en solidariedade con Carlos e Serafín [Imaxe: CIG]

CIG, CCOO e UGT convocan para hoxe, xoves, unha concentración ás 20h  diante do MARCO para urxir ao Goberno español a que resolva a segunda solicitude de indulto e evitar así o ingreso en prisión dos dous traballadores. 

 

Os traballadores Carlos Rivas e Serafín Rodríguez poden ingresar en prisión. Ambos os dous foron condenados a 3 anos de cárcere pola súa participación na folga do sector do transporte  de mercadorías realizada en 2008 no reclamo de melloras no convenio colectivo provincial. Os dous traballadores facían parte dun piquete informativo, e a pesar de resultar absoltos de teren producido ningún tipo de dano e de que ningún traballador nin empresa presentaran cargos contra eles, foron sentenzados a tres anos de privación de liberdade.  

Diversos concellos, entre eles Vigo, a Deputación de Pontevedra ou o Parlamento de Galiza emitiron declaracións en apoio aos encausados 

Após esa decisión xudicial, que os sindicatos encadraron na crecente represión sindical para tentar afogar os protestos sociais cunha pena exemplarizante, produciuse unha vaga de mobilizacións e protestos que, cunha grande participación social, expresou o rexeitamento dunha ampla maioría cara a unha sentenza que se coida inxusta e desproporcionada. Diversos concellos, entre eles Vigo, a Deputación de Pontevedra ou o Parlamento de Galiza emitiron declaracións en apoio aos encausados reclamando que non ingresen en prisión.

Rematada a vía xurisdicional, Carlos e Serafín solicitaron do Goberno español o indulto. O executivo de Mariano Rajoy rexeitou a primeira petición e arestora fica inda pendente de resolver a segunda. Ante a falla de resposta e a posibilidade de que lle sexa denegado de novo, as centrais sindicais CIG, CCOO e UGT convocan para esta quinta feira (xoves) día 11 unha nova concentración ás 20h no MARCO.

Con esta acción volven dar inicio os protestos, que encetaron no mes de febreiro e se mantiveron activos durante meses, que terán a partires de hoxe periodicidade semanal.  “O Executivo presidido por Mariano Rajoy xa llelo denegou nun primeiro intento, polo que é fundamental seguirmos a reclamar na rúa que se lles conceda o indulto para evitarmos que dous traballadores acaben en prisión por defenderen os dereitos da nosa clase” explica o Secretario comarcal da CIG de Vigo, Serafín Otero.

O Goberno español xa lles denegou o indulto nunha primeira solicitude

Urxir unha resposta

O reinicio das mobilizacións pretende aumentar a "presión social" sobre o Ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, e máis o Presidente Rajoy, para urxilos a "resolver dunha vez e de maneira afirmativa a solicitude de indulto para Carlos e Serafín", tendo en conta que a petición conta cun importante apoio institucional do que participou o propio Partido Popular. Unha saída que poría fin, segundo apuntan, "ao sufrimento innecesario que padecen eles e as súas familias" ante a "cruel incerteza" de poder acabar na cárcere.

Serafín Otero fixo un chamamento expreso á participación cidadá na nova concentración convocada. "Hoxe son eles, mais mañá podes ser ti a vítima dunha xustiza que deixa impunes aos verdadeiros delincuentes (poderosos, corruptos, banqueiros...) e ao tempo afoga, con represión, ao povo traballador que se rebela en defensa dos seus dereitos" clamou.